USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR

Fegadace: Federación galega de dano cerebral

 
Fegadace: Federación galega de dano cerebral

Páxina Inicio de Fegadace

...tamén en

rss
 
03/05/2018
Poderá visitarse na sede da Fundación Barrié grazas á colaboración da entidade.

A exposición 'Punto e seguido' chega á Coruña o 10 de maio

A exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’, coa que FEGADACE e as súas asociacións achegan, a través da fotografía, unha aproximación ao día a día desta discapacidade, chega o xoves 10 de maio á Coruña. Grazas á colaboración da Fundación Barrié, a mostra poderá visitarse durante un mes na sala de exposicións da entidade, na rúa Cantón Grande, número 9, andar -1.

A colección de imaxes, do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizouse nas cinco asociacións membro da Federación Galega de Dano Cerebral. Están protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO (A Coruña), ADACE Lugo, Alento (Vigo), Renacer (Ourense) e Sarela (Compostela), que amosan a súa vida cotiá, as actividades que desenvolven, os ratos de descanso, a convivencia... en definitiva, a vida despois do “punto e seguido” que constitúen un ictus, un accidente, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.

Acompañando á exposición, FEGADACE elaborou unha curtametraxe que tamén se poderá ver no acto de inauguración. Creada por Edición Rusa, conta con diferentes testemuños de persoas con DCA, familiares e profesionais das asociacións. Xuntos constrúen un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral adquirido: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas... Ambos os dous materiais foron elaborados co apoio da Deputación da Coruña. Para a organización da exposición contouse, ademais, coa colaboración da Fundación La Caixa.

Inauguración na Coruña

Despois de pasar un mes e medio exposta en Santiago, ‘Punto e seguido’ chega o 10 de maio á Coruña. Poderase visitar na sala de exposicións do andar -1 da sede da Fundación Barrié en Cantón Grande, 9. No acto de inauguración vaise proxectar a curtametraxe e presentar a exposición. Está prevista a intervención dunha das persoas protagonistas do vídeo, dun membro de ADACECO, e de representantes das entidades colaboradoras co proxecto.

‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’ poderá visitarse na Fundación Barrié ata o 10 de xuño. Estará aberta de martes a domingo en horario de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00.

A continuación a mostra continuará o seu percorrido, que a levará, ao longo de 2018, ás cidades de Ourense, Vigo e Lugo. Proximamente iranse anunciando as datas e salas nas que se poderá visitar.

 
  •  
  • Logotipo da Consellería da Política Social
  • Logotipo da Consellería de Economía
  • Logotipo da Deputación da Coruña
  • Logotipo do Concello de Santiago
  •  

Fegadace | Rúa Galeras, 17, 2º Andar - Despacho 5
15705 Santiago de Compostela
659 177 709 | 881 943 148 | fegadace@fegadace.org