USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR

Fegadace: Federación galega de dano cerebral

 
Fegadace: Federación galega de dano cerebral

Páxina Inicio de Fegadace

...tamén en

rss
 
19/06/2017
Xuntanza de Persoas e Familias con Dano Cerebral Adquirido.

Máis de 150 persoas celebran en Santiago os 10 anos de FEGADACE

A Federación Galega de Dano Cerebral celebrou o sábado, 17 de xuño, en Santiago de Compostela, baixo un sol abrasador, o seu 10º Aniversario. Máis de 150 persoas, percententes a ADACECO (A Coruña), ADACE Lugo, Alento (Vigo), Renacer (Ourense) e Sarela (Santiago de Compostela) foron chegando desde todos os puntos de Galicia a partir das once da mañá para a gran Xuntanza de Persoas e Familias con Dano Cerebral Adquirido.

O programa tivo que ser reconfigurado por causa da calor; o Torneo de Boccia anulouse para previr as peores consecuencias das altas temperaturas e substituíuse por un encontro cos campións Antonio Cid e José Manuel Prado. FEGADACE conseguira confirmar a presenza de ambos deportistas paralímpicos a semana pasada. Estaba previsto que apadriñaran ás persoas con dano cerebral adquirido (DCA) na práctica da boccia, trasmitíndolles a súa dilatada experiencia.

O torneo, que tamén estaba incluído na programación da Festa do Deporte do Concello de Santiago, substituíuse por un encontro no que Cid e Prado puideron achegar igualmente ás persoas con DCA e ás súas familias a dinámica de xogo da boccia, e como é un campionato do máis alto nivel deportivo. Foron presentados por Luciano Fernández, presidente de FEGADACE, e responderon ás preguntas formuladas por Israel Fernández, o adestrador do equipo de boccia de Alento.

Antonio Cid (Ourense) foi medallista paralímpico en Barcelona 1992 (ouro), Atlanta 1996 (ouro), Sidney 2000 (prata) e Atenas 2004 (bronce). Foi galardoado coa Distinción ao Mérito Deportivo de Galicia e coa Real Orden al Mérito Deportivo do Consejo Superior de Deportes, e atesoura un total de 112 medallas obtidas en competicións deportivas. José Manuel Prado (O Carballiño) participou nos Xogos Paralímpicos de Londres 2012 e Rio 2016, e o ano pasado proclamouse por oitava vez Campión de España de boccia.

Lecer e relaxación á sombra

Tralo encontro, serviuse un aperitivo que estivo amenizado pola música dun DJ. A continuación, as máis de 150 persoas asistentes pasaron á carpa preparada para o xantar. Antes de comezar a comida, o presidente de FEGADACE, Luciano Fernández, deu a benvida ás persoas asistentes sinalando que “hoxe é un día para celebrar e darnos os parabéns polos dez anos xuntos”. A continuación falou a concelleira de Políticas Sociais de Santiago de Compostela, Concha Fernández, que tamén deu os parabéns, lembrou que se formou con algunhas das profesionais das asociacións de dano cerebral, e agardou unha gran festa para “os próximos dez anos”.

Ao remate do xantar serviuse unha torta na que a Xunta Directiva da Federación soprou as candeas que representaban os 10 anos de FEGADACE. A continuación celebrouse un sorteo no que participaron todas as persoas asistentes, e no que se agasallaron un cargador USB, tres bonos con circuítos termais e unha tablet. A sobremesa continuou ata case as seis da tarde co mesmo ambiente relaxado que as condicións do tempo permitiron.

Na organización da xornada contouse coa colaboración e agasallos de Gadis, Feiraco, e Termas de Cuntis.

10º Aniversario

A Federación acada en 2017 a súa primeira década de vida e conmemóraa co lema ‘Pasiño a pasiño faise o camiño’. Son dez anos amodo, consolidando cada paso, sen estrés para previr o ictus, a 10 quilómetros por hora para evitar os accidentes de tráfico, freando cada causa de dano cerebral e cimentando cada avance na construción da Federación.

Ademais da reformulación do Foro de Familias -esta sería a súa sexta edición-, FEGADACE ten previsto celebrar os seus dez anos de vida con máis actividades ao longo do ano. Iranse anunciando a través da súa páxina web e redes sociais.

En paralelo, a Federación está a elaborar unha serie de informacións nas que se relata a súa historia. O primeiro foi unha serie de entrevistas con membros da Xunta Directiva sobre o pasado, presente e futuro de FEGADACE:

Multimedia

#XuntanzaDCA

Un grupo de asistentes á Xuntanza, á sombra das árbores.

#XuntanzaDCA

Actividades de mañá na Xuntanza.

#XuntanzaDCA

Encontro sobre boccia cos campións José Manuel Prado e Antonio Cid, coordinado por Israel Fernández e presentado por Luciano Fernández.

#XuntanzaDCA

Antonio Cid (esquerda) e José Manuel Prado (dereita).

#XuntanzaDCA

Parte do equipo de FEGADACE, con José Manuel Prado e a súa acompañante.

#XuntanzaDCA

A concelleira de Políticas Sociais de Compostela, Concha Fernández, e o presidente de FEGADACE, Luciano Fernández.

#XuntanzaDCA

Photocall na Xuntanza.

#XuntanzaDCA

As persoas asistentes á Xuntanza, antes de comezar o xantar.

#XuntanzaDCA

A Xunta Directiva de FEGADACE sopra as candeas polos 10 anos.

#XuntanzaDCA

Sobremesa do xantar na Xuntanza.

#XuntanzaDCA

Sorteo na sobremesa da Xuntanza.

#XuntanzaDCA

O gañador do sorteo da tablet.

 
  •  
  • Logotipo da Consellería da Política Social
  • Logotipo da Consellería de Economía
  • Logotipo da Deputación da Coruña
  • Logotipo do Concello de Santiago
  •  

Fegadace | Rúa Galeras, 17, 2º Andar - Despacho 5
15705 Santiago de Compostela
659 177 709 | fegadace@fegadace.org