USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR

Fegadace: Federación galega de dano cerebral

 
Fegadace: Federación galega de dano cerebral

Páxina Inicio de Fegadace

...tamén en

rss
 
06/11/2017
O IDIS e a empresa Conexiona Telecom desenvolverán un 'software' que axuda a cuantificar as consecuencias do ACV.

Tecnoloxía para diagnosticar o dano do ictus en tempo real

Cada seis minutos, unha persoa morre por mor dun ictus en España. É a segunda causa de mortalidade, a primeira no caso das mulleres. A rapidez na atención médica e o tratamento é clave para evitar mortes e, en segundo plano, posibles secuelas. En Galicia, O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), a traves do Laboratorio de Investigación de Neurociencias Clínicas (Linc) dirixido por José Castillo, enfoca os seus esforzos na loita contra esta doenza.

O último dos seus avances é a creación de LincBiotech, unha empresa spin-off impulsada polo IDIS xunto á empresa Conexiona Telecom, con base en Ourense. Os seus obxectivos principais son sacar ao mercado dúas importantes ferramentas contra o ictus: unha de prognóstico e outra de tratamento.

Así, Lincbiotech desenvolverá un software que axudará aos médicos na decisión clínica que cuantifica e mapea a temperatura cerebral a partir dos datos da resonancia magnética realizada aos pacientes de infarto cerebral. Con esta ferramenta, os profesionais sanitarios poderán obter un diagnóstico máis preciso.

E por outra banda, a empresa traballará no desenvolvemento dunha tecnoloxía para inducir unha diminución da temperatura focal nas persoas afectadas polo ictus. Segundo se comprobou a través de modelos experimentais realizados polo Linc, esta técnica é igual de efectiva para o enfermo que a hipotermia sistémica, empregada na actualidade para reducir o dano nun ictus grave.

A temperatura corporal é un parámetro clave para o diagnóstico do ictus. Investigacións do IDIS sinalan que unha temperatura por riba de 37ºC multiplica case por catro o risco de mal prognóstico, que implica morte ou alto grao de discapacidade posterior. Ata o de agora non existían técnicas de medición non invasivas. Na actualidade é preciso someter aos afectados por ictus graves a hipotermias sistémicas, que afectan a todo o corpo, un método que xera posibles complicacións, pois é necesario inducir o coma aos enfermos. Co novo método de hipotermia focal poderase reducir un 10% da mortalidade e as secuelas nun 20%.

Amais, a técnica é aplicable a outras patoloxías, xa que “o aumento da temperatura empeora todas as enfermidades cerebrais, porque cada grado de aumento incrementa un 20% as necesidades metabólicas do cerebro”, explica José Castillo.

“A través da aplicación de atrapadores de glutamato, revertimos o efecto da alta temperatura, xa que un dos mecanismos de incremento de temperatura é o aumento do glutamato”, explica José Castillo.

Presentación

Lincbiotech presentouse este venres na sede do Linc, no Hospital Clínico de Santiago, coa presenza de José Castillo, o director de I+D e proxectos de Conexiona, Carlos Sande, e a xerente da área de Xestión Integrada de Santiago, Eloína Núñez. Posteriormente, visitaron tamén a sede de Conexiona na Tecnópole de San Cibrao das Viñas. Ademais de Castillo, participan no equipo científico os doutores Tomás Sobrino, Francisco Campos e Ramón Iglesias.

Segundo os plans da empresa, agárdase que o software se comercialice en España e Europa a comezos de 2019. O algoritmo xa foi testado en modelos de experimentación, e este ano xa se está traballando no desenvolvemento e validación clínica en humanos.

*Información e imaxe extraídas de GCiencia. Na foto, de esquerda a dereita: José Castillo, Ramón Iglesias, Tomás Sobrino, Eloína Núñez, Carlos Sande e Francisco Campos.

 
  •  
  • Logotipo da Consellería da Política Social
  • Logotipo da Consellería de Economía
  • Logotipo da Deputación da Coruña
  • Logotipo do Concello de Santiago
  •  

Fegadace | Cabes. Casa das Asociacións. Rúa Manuel María, 6, 2º Andar - Despacho 2
15705 Santiago de Compostela
659 177 709 | fegadace@fegadace.org