Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE / En negro | 25/11/2022 | 25 de novembro: Día contra a Violencia Machista

25 de novembro de 2022: Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Manifesto do movemento CERMI: ‘Non estás soa. Non máis violencia contra as mulleres con discapacidade!’.
 

25/11/2022

Segundo datos da última Enquisa de Discapacidade, Autonomía Persoal e Situacións de Dependencia de 2020, no noso país vivimos máis de dous millóns e medio de mulleres e nenas con algún tipo de discapacidade, a quen hai que sumar as nais e coidadoras de persoas con discapacidade e sobre nós seguen vixente multitude de estereotipos e ideas preconcibidas que nos sitúan nun lugar de maior exposición fronte á violencia, as lesións, o abuso, o abandono, os malos tratos e a explotación.
 
Aínda que a información que nos ofrecen as estatísticas oficiais ao redor da prevalencia da violencia machista no noso sector segue sendo moi escasa, sabemos que cada ano unha quinta parte das mulleres que morren asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas tiñan unha discapacidade acreditada. Seguro que son moitas máis as mulleres con discapacidade vítimas de violencia que non aparecen en ningún rexistro estatístico, polo mero feito de non ter acreditada oficialmente esa discapacidade. Unha discapacidade que, en moitos casos, é consecuencia, precisamente, dos malos tratos sufridos. De feito, a última Macroenquisa de Violencia contra a Muller de 2019, publicada pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, sinala que o 17,5% das mulleres con discapacidade que sufriu violencia física, sexual, emocional ou sentiu medo das súas parellas afirma que a súa discapacidade é consecuencia da violencia exercida sobre elas.
 
E que se está facendo desde as políticas públicas para previr, detectar e abordar adecuadamente esta preocupante situación? Por que seguimos estando invisibilizadas nos rexistros oficiais? Como é posible que os recursos que se ofrecen no noso país ás mulleres vítimas de violencia non sexan accesibles? A que se está esperando para eliminar os obstáculos que impiden ás mulleres con discapacidade chegar á xustiza para denunciar estes casos?
 
Contamos cun impresionante edificio normativo nacional e internacional que nos lembra que nós, como mulleres, tamén somos titulares de dereitos humanos e que as violencias das que somos vítimas tamén son violencias machistas. A Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, así como o seu Comité de seguimento, alertan da múltiple discriminación da que somos obxecto e da persistencia da violencia contra as mulleres e as nenas con discapacidade nas súas diversas e terribles formas (violencia na parella, violacións, esterilizacións forzadas, abortos coercitivos...). O Comité CEDAW expresou a súa preocupación pola violencia que sofren as mulleres con discapacidade recoñecendo que esta é produto da intersección de distintas formas de discriminación.
 
Ademais, o Convenio de Istambul, vixente no noso país desde o ano 2014, é un instrumento xurídico clave para previr e loitar contra a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica, que inclúe expresamente no seu articulado a tipificación como delito das esterilizacións forzadas. Pola súa banda, a Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible tamén marcan a folla de rota que debe seguir unha política pública verdadeiramente democrática e inclusiva nesta materia, a través do ODS nº 5, para poñer fin a todas as formas de discriminación contra as mulleres e nenas e eliminar todas as formas de violencia machistas nos ámbitos público e privado, incluídas a trata e a explotación sexual.
En España contamos cun Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que recolle medidas para abordar a violencia de xénero contra as mulleres con discapacidade, así como cun marco legal estatal e autonómico específico nesta materia. 
Con todo, miles de mulleres con discapacidade, incluídas tamén as nenas con discapacidade, seguen vivindo o inferno da violencia machista no esquecemento máis absoluto, o que nos obriga a alzar as nosas voces este 25 de novembro para denunciar publicamente esta situación inaceptable e esixir que quen ten nas súas mans o poder de deseñar e executar políticas públicas o faga para todas as mulleres sen excepción, sen discriminación de ningún tipo.
 
Vimos como neste ano aprobouse unha norma moi necesaria, a Lei Orgánica 10/2022 de Garantía Integral da Liberdade Sexual, en cuxa negociación as mulleres con discapacidade organizadas reivindicamos sen éxito que a práctica da esterilización forzada, recoñecida no artigo 39 do Convenio de Istambul como unha forma de violencia contra as mulleres, se recollese no articulado desta nova lei como un delito contra a liberdade sexual. Lamentablemente, e a pesar dos nosos esforzos, non foi o caso, polo que esiximos que a reforma da Lei Orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo si inclúa a prohibición das esterilizacións non consentidas, os abortos coercitivos e a anticoncepción forzada como delitos contra a saúde sexual e reprodutiva das mulleres para así dar cumprimento ás obrigacións contraídas polo Estado en virtude dos tratados internacionais de dereitos humanos que ratificou.
 
Na mesma liña, imos continuar traballando para que a futura Estratexia Estatal contra as Violencias Machistas non nos dea as costas e inclúa entre as súas medidas a posta en marcha dunha macroenquisa específica que permita sacar á luz a situación real das mulleres con discapacidade fronte á violencia machista, así como a mellora no acceso aos recursos especializados para vítimas de violencia de xénero contra a muller, os cales deben ser plenamente inclusivos e accesibles para todas elas.
 
Finalmente, e xa no ámbito internacional, non podemos pasar por alto un feito tráxico que marcou a axenda política desde comezos de ano. A invasión rusa de Ucraína, causante última dunha guerra entre ambos os países, evidenciou, unha vez máis, a situación de extrema vulnerabilidade que enfrontamos as mulleres e nenas con discapacidade nos momentos de graves crises humanitarias sexan cales sexan as súas causas. Tras unha longa pandemia, o azoute dunha guerra en plena Europa lémbranos que segue vixente a idea terrible de que existen vidas dignas de ser vividas e outras que non.  E, neste contexto, ser mulleres con discapacidade no medio dun conflito armado convértenos en obxecto de todas as formas de discriminación e violencia imaxinables.
 
Por todo iso, neste día de conmemoración saímos á rúa para manifestarnos contra todas estas inxustizas e para seguir esixindo:
 
  1. Que se poña en marcha unha Macroenquisa específica sobre a violencia da que somos obxecto as mulleres e nenas con discapacidade, así como as nais e coidadoras de familiares con discapacidade. Unha operación estatística desta natureza permitirá a posta en marcha dunha política pública adecuada que sitúe no centro a todas as mulleres sen excepción e que no noso sector tome en consideración os riscos concretos e os factores de vulnerabilidade, como a incapacitación legal, a institucionalización, o incesto, a pobreza, a ruralidade, a idade e o tipo de discapacidade.
  2. Que se garanta a accesibilidade universal dos centros e servizos de atención a mulleres vítimas de violencia de xénero, dos xulgados, e das campañas e materiais informativos de sensibilización, pois, ademais, trátase dun mandato establecido na Lei Integral de Medidas de Protección contra a Violencia de Xénero.
  3. Que a aplicación das prescricións normativas e a implantación dos recursos de atención ás vítimas contidas na Lei Orgánica 10/2022 de Garantía Integral da Liberdade Sexual leven a cabo tomando en consideración unha perspectiva interseccional de xénero e discapacidade.
  4. Que se garanta o acceso á xustiza das mulleres e nenas con discapacidade, incluíndo a axuda legal gratuíta, asegurando a plena accesibilidade de todas as garantías procesuais, incluíndo axustes de procedemento adecuados á idade, o acceso á información e á comunicación, á asistencia humana e a produtos e tecnoloxías de apoio que elixan as mulleres con discapacidade nas súas relacións co sistema de xustiza.
  5. Que se impulsen mecanismos de vixilancia co fin de que as institucións residenciais, de saúde mental, centros de día, obradoiros ocupacionais, centros especiais de emprego e outros sexan supervisados efectivamente por autoridades independentes, a fin de impedir que se produza casos de neglixencia, malos tratos, abuso, acoso e violencia.
  6. Que en cumprimento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero se traballe no desenvolvemento e implantación da figura da asistencia persoal no ámbito da violencia contra as mulleres con discapacidade e se afonde na xeración de coñecemento ao redor da prevalencia da violencia machista por razón de discapacidade.
  7. Que se desenvolvan e actualicen protocolos de coordinación entre os principais actores involucrados na abordaxe da violencia machista: os corpos e forzas de seguridade do Estado, os servizos sociais e sanitarios e as organizacións sociais especializadas na materia.
  8. Que se poña en marcha un estudo diagnóstico que permita coñecer a situación na que se atopan mulleres con discapacidade sometidas a prostitución e trata e asegurar a súa adecuada consideración na futura lei contra a trata.
  9. Que a reforma da Lei Orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo inclúa no seu articulado a prohibición das esterilizacións non consentidas, os abortos coercitivos e a anticoncepción forzada como formas de violencia dos nosos dereitos sexuais e reprodutivos.
  10. Que se concrete unha Estratexia Estatal contra as Violencias Machistas que aglutine todas e cada unha das demandas expresadas neste manifesto.
 
E, como última esixencia, demandamos que os poderes públicos do noso país articulen medidas de acollemento e protección para as mulleres e nenas con discapacidade, así como nais e coidadoras de persoas con discapacidade, que ven obrigadas a abandonar os seus países como consecuencia das guerras sen que importe a súa orixe racial, étnica, a súa relixión, nin ningunha outra consideración.
 
QUERÉMONOS VIVAS! NIN UNHA MENOS!
 
AS MULLERES E NENAS CON DISCAPACIDADE EMPODERADAS, VISIBLES E DIVERSAS REIVINDICAMOS O NOSO DEREITO A UNHA VIDA LIBRE DE VIOLENCIAS!
 

Arquivada en:
Demandas do Colectivo > Documentos políticos