Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEDACE | 20/10/2020 | Fragmento do cartel do Día do Dano Cerebral 2020

26 de outubro de 2020: un Día do Dano Cerebral marcado polo coronavirus

Amplo programa de conmemoracións online: Xornadas, vídeos, lecturas do manifesto, fotos en redes...

20/10/2020

O movemento asociativo do dano cerebral afronta o 26 de outubro de 2020 coa prudencia imprescindible nun contexto marcado pola pandemia da COVID-19. Os actos de conmemoración trasládanse ao soporte online, no que, entre outras actividades, darase lectura do manifesto reivindicativo.

Xornadas sobre o Dano Cerebral Adquirido

FEGADACE organiza as súas Xornadas sobre o Dano Cerebral en torno ao Día do Dano Cerebral e o Día do Ictus, os mércores 21 e 28 de outubro e 4 de novembro. Retransmitiranse en streaming e abordarán 'O dano cerebral e o modelo de atención sociosanitaria. Situación actual e retos inmediatos'. A inscrición permanece aberta; formalízase cubrindo este formulario.

Alento na rede

A Asociación de Dano cerebral de Vigo, Alento, abre as súas portas a través da rede amosando o seu traballo diario. O programa completo pode descargarse aquí.

"Hai que loitar"

ADACE Lugo estrea o 26 de outubro un vídeo protagonizado polas súas persoas usuarias. Atención ao seu Facebook, Twitter e Instagram!

Alumeado de edificios públicos

Diferentes edificios e monumentos públicos, como por exemplo as torres Hejduk da Cidade da Cultura, en Santiago, vanse tinxir de azul nas principais cidades na tardiña e noite do 26 de outubro.

Vídeo conmemorativo

O Día do Dano Cerebral o movemento asociativo organizado en torno a FEDACE vai lanzar un vídeo no que conmemoraremos os 25 anos da nosa Federación estatal amosando como é a nosa casa común, protagonizado por persoas con dano cerebral, profesionais e familiares.

A man na cabeza nas redes sociais

Como todos os anos, animamos a subir ás redes sociais fotos coa man na cabeza, co aceno do Día do Dano Cerebral, ao longo da xornada. Pódese seguir a publicación co hashtag #DiaDanoCerebral.

Almorzo FEDACE: Desigualdades territoriais na atención ao Dano Cerebral en España

Debate sobre os diferentes modelos de atención con representantes da Federación e das entidades ADACEN Navarra, Camino e FECYLDACE. Ao final do almorzo, o presidente de FEDACE e de FEGADACE, Luciano Fernández, lerá o manifesto reivindicativo. Inscrición aquí.

Lectura do manifesto

Ademais da primeira lectura do manifesto, que vai facer Luciano Fernández, moitas asociacións teñen previsto facer as súas propias, dando protagonismo a familias e persoas usuarias. ADACECO, Alento, Renacer e Sarela xa anunciaron as súas lecturas.

Arquivada en:
Demandas do Colectivo > Día Nacional do Dano Cerebral