Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 03/09/2019 | A Unidade para Pacientes con Necesidades Especiais ten a súa sede na Facultade de Odontoloxía da USC

27 anos defendendo a saúde oral das persoas con discapacidades

A Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais da USC, premiada por FEGADACE.

19/09/2019 | Santiago de Compostela

A creación da Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais remóntase a 1992, coincidindo coa implantación das prácticas clínicas nunha nova materia da Licenciatura de Odontoloxía que se impartía na Universidade de Santiago e que se denominou ‘Clínica Odontolóxica integrada de pacientes especiais’.

Esta actividade asistencial configurouse definitivamente cinco anos máis tarde, ao amparo dun convenio de colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. A súa finalidade era prestar atención odontolóxica integral a persoas con discapacidade severa que, por razóns condutuais ou médicas, non puidesen recibir asistencia en réxime ambulatorio nunha Unidade de Saúde Bucodental de Atención Primaria ou nunha clínica privada.

Desde entón, a actividade clínica desenvolvida seguiu unha proxección exponencial. As patoloxías sistémicas máis frecuentes entre as persoas que acoden a consulta son o atraso psicomotriz profundo de etioloxía non filiada, os trastornos do espectro autista, a parálise cerebral, o dano cerebral adquirido e as síndromes de baixa prevalencia.

Desde a súa posta en marcha, no marco desta actividade recibiron tratamento en torno a 18.000 pacientes, aproximadamente 16.500 no medio ambulatorio e 1.500 no medio hospitalario baixo anestesia xeral ou sedación profunda na Unidade de Cirurxía Ambulatoria do Hospital de Conxo (CHUS). Unha porcentaxe considerable destes pacientes son nenos e nenas cun compromiso médico considerable e, concomitantemente, un grao de colaboración limitado, polo que tamén se empezaron a programar sesións regulares de tratamento na Unidade de Coidados Intensivos Pediátricos do Hospital Clínico Universitario de Santiago.

7º Premio FEGADACE - Miguel Blanco

A Xunta Directiva da Federación Galega de Dano Cerebral decidiu concederlle o 7º Premio FEGADACE - Miguel Blanco á Unidade, recoñecendo o coidado da hixiene bucodental que leva prestando desde 1992 ao colectivo de persoas con dano cerebral adquirido en Galicia, e o seu labor divulgativo a favor dos dereitos das persoas con discapacidade e en contra das barreiras que dificultan o seu pleno acceso ao dereito á saúde.

O director da Unidade, Pedro Diz, vai ser o encargado de recoller o galardón no marco da Xornada sobre o Dano Cerebral Adquirido. A #XornadaDCA dedícase á reflexión sobre ‘Información e toma de decisións: unha mirada desde a ética’. Terá lugar o 28 de setembro desde as 9:00 na Facultade de Filosofía da USC, en Santiago de Compostela. A inscrición está aberta ata completar aforo e é gratuíta. Pode formalizarse nesta ligazón.


#XornadaDCA

Arquivada en:
Proxectos > Proxectos > Premio FEGADACE - Miguel Blanco
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)