Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 25/04/2023 | Formación Atención no Fogar de Persoas con Dano Cerebral Adquirido

Cursos sobre atención no fogar a persoas con dano cerebral na provincia da Coruña

Organizados e impartidos por profesionais de FEGADACE, as formacións dirixíronse ao alumnado dos centros, profesionais do servizo de axuda no fogar e persoas en situación de desemprego

25/04/2023 | A Coruña, Cee e Ponteceso

O alumnado do CIFP Ánxel Casal-Montealto da Coruña, o alumnado do IES Eduardo Pondal de Ponteceso e as profesionais da atención a persoas en situación de dependencia e as persoas en desemprego do concello de Cee foron o público ao que se dirixiron as accións formativa organizadas pola Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) en colaboración co CIFP Ánxel Casal-Montealto, IES Eduardo Pondal e o Concello de Cee.  
 
Co título ‘Atención no fogar de persoas con dano cerebral adquirido’, estas formacións foron impartidas por profesionais da Federación co obxectivo de mellorar a calidade de vida do colectivo de persoas con esta discapacidade a través da capacitación das persoas que se fan cargo do seu coidado na casa.
 
A formación foi totalmente gratuíta e estivo organizada en dúas convocatorias en cada entidade en dúas sesións para cada entidade. No concello de Cee tivo lugar os días 10 e 17 de abril en horario de tarde, no CIFP Anxel Casal da Coruña os días 20 e 24 de abril tamén en horario de tarde e no IES Eduardo Pondal de Ponteceso os días 21 e 24 de abril en horario de mañá. 
 
O curso sobre ‘Atención no fogar de persoas con dano cerebral adquirido’ combina teoría e práctica para tratar os seguintes asuntos de importancia: ‘Detección do dano cerebral’; ‘Pautas para avaliar a evolución da persoa con dano cerebral’; ‘Comunicación coa persoa con dano cerebral e habilidades comunicativas’; ‘Alteracións cognitivas e condutuais’; ‘Transferencias e cambios posturais’; ‘Alimentación, deglutición e medicación’; ‘Tratamento da intimidade e da privacidade’; ‘Hixiene, curas e prevención de úlceras’; e ‘Acompañamento no tempo libre e actividades de lecer’.
 
Estas actividades enmárcanse na ‘Escola Dano Cerebral’ que FEGADACE impulsa, tanto online como presencialmente, para mellorar a especialización e capacitación dos coidadores e coidadoras e tamén dos equipos profesionais responsables da atención a persoas con dano cerebral e incrementar, dese xeito, a calidade dos coidados que reciben, redundando no fin último da Federación: mellorar a calidade de vida do colectivo. A formación tamén redunda positivamente nas mesmas persoas coidadoras, que aprenderán técnicas que limitarán o seu desgaste, tanto físico como emocional, derivado do labor de atención a unha persoa con dano cerebral.
 
A organización da actividade conta coa colaboración do Concello de Cee, do CIFP Anxel Casal-Montealto da Coruña e o IES Eduardo Pondal de Ponteceso, da Fundación La Caixa, da Consellería de Política Social (dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda) e do Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado aos fondos NextGenerationEU da Unión Europea (Proxecto Rumbo).
 
 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Formación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)