Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 15/05/2023 | Cartel VI Encontro Formativo Profesionais FEGADACE

VI Encontro Formativo para profesionais das asociacións membro de FEGADACE

O Pazo de San Lorenzo de Santiago acolle o 27 de maio o VI Encontro Formativo de Profesionais das Asociacións Federadas 

15/05/2023 | Santiago de Compostela

Un ano máis chega o Encontro Formativo para Profesionais do movemento asociativo do dano cerebral galego. As profesionais das cinco asociacións federadas xunto coas da federación compartirán unha xornada de convivencia na que aproveitarán para encontrarse, intercambiar ideas e formarse en grupo e de maneira presencial. 
 
Nesta ocasión, que será a VI edición desta cita, terán a oportunidade de traballar sobre unha temática de gran relevancia, actualidade e necesidade de coñecemento para aplicación no seu ámbito de actuación: Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Baixo o título "Os ODS no Movemento Asociativo do Dano Cerebral" e da man do equipo de Anthesis Lavola e a través de metodoloxía gamificada, interactiva e lúdica, afondarase no coñecemento da Axenda 2030 e na súa aplicación á práctica profesional nas cinco asociacións galegas de dano cerebral e da federación. A identificación e priorización de accións así como a concreción de propostas para a integración dos ODS nas entidades serán algúns dos obxectivos específicos deste encontro, que á súa finalización contará con unha sesión de divulgación científica da man de Xurxo Mariño, doutor en ciencias biolóxicas especializado en neurociencia e neurofisioloxía pola USC.  A leria científica "O Sorprendente Desenvolvemento do Cerebro Humano" pechará esta xornada de encontro. 
 
Terá lugar o día 27 de maio de 2023 no Pazo de San Lorenzo de Santiago de Compostela, comezando ás 10h e rematando ás 14h. Todas as persoas profesionais das cinco asociacións membro de FEGADACE, isto é: ADACE Lugo, ADACECO, ALENTO, DCA Ourense e SARELA, así como da federación están convidadas a participar e teñen aínda ata o 21 de maio (incluído) para facer a súa inscrición cubrindo este formulario
 
 
 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Formación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)