Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 14/09/2023 | Imaxe do ciclo de charlas de prevención do ictus e doutras causas do DCA

FEGADACE organiza un ciclo de charlas sobre o ictus en colaboración con Afundación

As sesións diríxense á poboación maior e celebraranse entre outubro e novembro en 10 localidades.

14/09/2023

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e Afundación colaboran na organización dunha xeira de charlas para a sensibilización arredor do dano cerebral adquirido, unha discapacidade provocada, fundamentalmente, por ictus e traumatismos cranioencefálicos, que afecta a unhas 36.000 persoas en toda Galicia.
 
Trala boa acollida de público da edición pasada, ambas entidades volven sumar forzas coa programación de 10 sesións informativas arredor da casuística, dimensión e prevención do dano cerebral que terán lugar na Coruña, Betanzos, Ferrol, Lugo, Monforte, Ourense, Pontedeume, Pontevedra, Santiago e Viveiro.
 
As charlas, que se celebrarán nos Espazos+60 de Afundación entre outubro, cando se conmemora o Día Nacional do Dano Cerebral, e novembro, están dirixidas a un dos colectivos de risco, as persoas maiores. Por este motivo, incidirase nas promoción de hábitos saudables, na detección de signos e síntomas de alarma así como nas pautas de actuación en caso de sufrir dano cerebral, prestando especial atención ao ictus, primeira causa de discapacidade adquirida en España.
 
Estas actividades están enmarcadas dentro do labor informativo e divulgativo desenvolto por FEGADACE co fin de contribuír a loitar contra o descoñecemento e a prevención desta súbita lesión cerebral, que adoita considerarse unha “epidemia silenciosa" pola dificultade para detectar as súas secuelas. Para o seu desenvolvemento, ademais do apoio de Afundación, conta co financiamento da Consellería de Política Social dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan o X Solidario na súa declaración da renda.

Programa de sesións

As charlas celebraranse nas seguintes localidades, datas e horarios:
  • Ourense: 09/10/2023 | 17.30 h.
  • Monforte: 18/10/2023 | 18.15 h.
  • Pontevedra: 19/10/2022 | 17.00 h.
  • Pontedeume: 23/10/2023 | 17.30 h.
  • A Coruña: 24/10/2023 | 18.45 h.
  • Lugo: 25/10/2023 | 17.00 h.
  • Viveiro: 26/10/2023 | 17.30 h.
  • Ferrol: 30/10/2023 | 17.30 h.
  • Betanzos: 07/11/2023 | 17.30h.
  • Santiago: 14/11/2023 | 18.00h.

Modo de inscrición

As sesións están dirixidas a persoas de máis de 50 anos e, aínda que a asistencia é gratuíta, é preciso inscribirse previamente. As persoas socias dos Espazos +60 poden anotarse no seu local de referencia e as demais poden cubrir o formulario de inscrición online o chamar ao 881 943 148.
 
 

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Educación para a saúde > Prevención do dano cerebral adquirido
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)