Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 15/09/2023 | Adaptación da imaxe de campaña da Semana Europea da Mobilidade.

FEGADACE súmase á celebración da Semana Europea da Mobilidade

A adquisición de hábitos saudables e seguros nos desprazamentos axuda a previr o dano cerebral.

15/09/2023

A Federación Galega de Dano Cerebral adhírese á conmemoración da Semana Europea da Mobilidade, unha campaña que ten lugar entre o 16 e o 22 de setembro co obxectivo de sensibilizar sobre os beneficios para o benestar colectivo e o medio ambiente do emprego de modos de desprazamento sustentables, como o transporte público, a bicicleta e os traslados a pé.
 
Entre os numerosos beneficios para a saúde, atópase a prevención do dano cerebral. Se ben esta súbita lesión non pode evitarse completamente, as súas causas poden mitigarse a través de formas de mobilidade sostible como os que propón esta iniciativa, xurdida a nivel europeo en 1999 e que este ano se centra na eficiencia enerxética.
 
Optar por hábitos saudables, como realizar desprazamentos a pé ou en bicicleta, ten impactos físicos e mentais beneficiosos para a prevención do ictus. Tanto camiñar como pedalear son un exercicio físico que, xunto a unha alimentación equilibrada, evitan o sedentarismo e axudan a manter un peso saudable. Ademais, os estímulos que acompañan a quen realiza a súas rutas deste xeito, en contacto co medio, manteñen o cerebro esperto e activo.

Prevención viaria

Con todo, moverse a pé ou en bicicleta tamén implica riscos, pois o espazo público adoita compartirse con vehículos e, por tanto, coa posibilidade de que se produzan accidentes. Por este motivo, aínda que se trate de desprazamentos que se realizan todos os días ou con frecuencia, é fundamental cumprir as normas de circulación e tomar unha serie de precaucións, como as recollidas na campaña “O importante é chegar”, desenvolta no ano 2021 por FEGADACE no marco do programa O Teu Xacobeo, financiado pola Xunta de Galicia e o Xacobeo 2021-2022: 
 
  • Camiñar, sempre que sexa posible, pola beirarrúa e sendas sinalizadas. Cando non queda outra opción, débese empregar a beiravía ou o lado esquerdo da calzada.
  • Ao cruzar unha estrada, hai que facelo polos lugares habilitados e mirando a ambos os lados da vía. Débense escoller lugares seguros e evitar curvas e cambios de rasante.

  • Cómpre levar elementos reflectores na roupa e na bicicleta, que debe levar alumeado, durante a noite ou en días con pouca visibilidade.

  • Non usar o móbil nin auriculares.

  • Empregar o casco na bicicleta e cumprir coas normas de circulación, lembrando sempre sinalizar as manobras.

Naqueles casos nos que os desprazamentos en coche son imprescindibles, a seguridade viaria debe ser a prioridade, pois os traumatismos cranioencefálicos provocados por accidentes de tráfico son a segunda causa de dano cerebral. Por este motivo, apostar por unha mobilidade segura ao volante é apostar tamén pola prevención.



Accesibilidade universal

No marco da campaña e das actividades que en múltiples cidades de toda Europa se celebran ao seu abeiro, cómpre tamén lembrar a necesidade de que se eliminen todos os obstáculos que impiden unha mobilidade universal e plena. A eliminación das barreiras físicas ou arquitectónicas, presentes nas edificacións ou no transporte público, mais tamén das cognitivas e sensoriais (como as existentes na sinalética dos espazos públicos) é indispensable para que todas as persoas, con independencia das súas necesidades socioespaciais, poidan mobilizarse e ter unha vida independente, autónoma e activa na sociedade.
 
No camiño cara a consecución de políticas de planificación do territorio que garantan este dereito, así como para fomentar a participación cidadá, en 2019 COCEMFE lanzou unha aplicación de descarga gratuíta denominada AccesibilidApp, que permite enviar incidencias sobre os elementos de accesibilidade dos espazos públicos (contornas, transportes e edificación) para comunicarllas ás entidades responsables da súa xestión e/ou mantemento.
 

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Educación para a saúde > Prevención do dano cerebral adquirido
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)