© FEGADACE | 18/09/2023 | A mostra, na entrada da Escola.
A exposición 'Punto e Seguido' chega á Escola de Enfermaría da USC en Lugo
A colección de fotografías, realizadas polo compostelán Aigi Boga, poderá visitarse até o 29 de setembro.
A exposición itinerante ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’ estende a súa presenza en Lugo. Tras comezar o mes na Facultade de Nutrición da cidade amurallada, a mostra coa que a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e as súas asociacións achegan o día a día das persoas con esta discapacidade chega á Escola Universitaria de Enfermaría grazas á colaboración da Universidade de Santiago de Compostela.
A colección de fotografías, realizadas polo fotógrafo compostelán Aigi Boga, poderá visitarse desde o 18 até o 29 de setembro no centro educativo, situado no complexo docente do campus lucense, dentro do horario de apertura do mesmo.
Proxecto ‘Punto e seguido’
As fotografías que compoñen a mostra realizáronse nas cinco asociacións que forman parte da Federación Galega de Dano Cerebral. Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, DCA Ourense e Sarela, amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois do “punto e seguido” tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.
Ademais, para acompañar a exposición, FEGADACE realizou unha serie de curtas audiovisuais que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades. Son un total de sete vídeos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.
A organización da exposición conta co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.