Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 29/05/2019 | 'Punto e seguido' na sala Apo'strophe.arte (Vigo)

A exposición 'Punto e seguido' poderá verse desde o luns 3 de xuño en Vigo

A colección de fotografías estará en Apo'strophe.arte (Centro Comercial Plaza Elíptica) ata primeiros de xullo.

29/05/2019 | Vigo

A exposición 'Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido', coa que FEGADACE e as súas asociacións achegan, a través da fotografía, unha aproximación ao día a día desta discapacidade, chega o vindeiro luns, 3 de xuño, a Vigo.

A mostra poderá visitarse ata o día 3 de xullo no escaparate da sala Apo'strophe.arte, situado no baixo do céntrico Centro Comercial Plaza Elíptica (Praza Francisco Fernández del Riego, s/n). O horario de visita é o mesmo que o do centro comercial: de luns a domingo entre as 10:00 e as 22:00 horas.

Nos próximos días Alento, a asociación de dano cerebral de Vigo, e FEGADACE darán a coñecer os detalles do acto de presentación da mostra.

Proxecto 'Punto e seguido'

A colección de imaxes, do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizouse nas cinco asociacións membro da Federación Galega de Dano Cerebral. Están protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, que amosan a súa vida cotiá, as actividades que desenvolven, os ratos de descanso, a convivencia... en definitiva, a vida despois do "punto e seguido" que constitúen un ictus, un accidente, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.

Acompañando á exposición, FEGADACE elaborou unha serie de curtametraxes -a principal, e unha serie de vídeos de cada asociación-. Contan con diferentes testemuños de persoas con DCA, familiares e profesionais das asociacións. Xuntos constrúen un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral adquirido: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas...

Ambos os dous materiais foron elaborados co apoio da Deputación da Coruña. Para a organización da exposición contouse, ademais, coa colaboración da Fundación La Caixa.

Percorrido da exposición

'Punto e seguido' puido verse con anterioridade en Santiago -entre marzo e abril de 2018 e tamén en outubro do mesmo ano- e na Coruña -entre maio e xuño- e en Ourense -durante o mes de setembro-. Vigo é a primeira parada da mostra neste 2019. Está previsto que as fotografías viaxen tamén a Lugo e que volten a Santiago. En breve anunciaremos as novas datas e localizacións.

#puntoeseguido

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)