Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Axenda

© FEGADACE | 31/05/2022 | Exposición en Dumbría

A mostra 'Punto e seguido' chega ao centro de saúde de Dumbría o 13 de xuño

A colección de fotografías sobre a vida con dano cerebral adquirido poderá verse ata o día 27.

13/06/2022 - 27/06/2022 | Dumbría

A información e sensibilización sobre o dano cerebral adquirido volven a Dumbría pola man da colaboración entre o Concello e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información e sensibilización, cos obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.
 
A exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’ poderá verse no centro de saúde de Dumbría desde o 13 ata o 27 de xuño. O horario de apertura é de 08:00 a 15:00 horas, de luns a venres.
 
FEGADACE e o Concello de Dumbría xa colaboraron en abril coa organización dunha sesión informativa na que a traballadora social da Federación explicou as principais causas e secuelas do dano cerebral, así como o modelo de atención e os servizos de rehabilitación.
 
Proxecto ‘Punto e seguido’
 
As fotografías que compoñen a mostra, obra do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizáronse nas cinco asociacións que forman parte da Federación. Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois do “punto e seguido” tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.
 
Ademais, para acompañar a exposición, FEGADACE realizou unha serie de vídeos curtos que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades. Son un total de sete vídeos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.
 
A organización desta actividade conta coa colaboración do Concello de Dumbría e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.
 
 
Lugar de celebración:

Centro de Saúde de Dumbría
L-V de 8:00 a 15:00
 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)