Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 22/03/2021 | Fragmento do artigo de Begoña Hermida en El Dentista Moderno

A saúde oral, garantía do benestar das persoas con dano cerebral adquirido

Artigo da directora de FEGADACE, Begoña Hermida, na revista especializada El Dentista Moderno.

22/03/2021

A directora de FEGADACE, Begoña Hermida, publicou un artigo de opinión sobre a saúde oral como garantía do benestar das persoas con dano cerebral adquirido na revista especializada El Dentista Moderno. Saíu no número 57, de marzo de 2021, e pode lerse a continuación:
 
O mantemento da hixiene oral remítenos habitualmente ás limpezas dentais, unha carie, o trastorno que nos causa unha extracción… Pequenas molestias que se solucionan en breves prazos, que van pouco máis aló dos escasos minutos ao día que dedicamos aos tres cepillados de rigor.
 
Con todo, para unha persoa con dano cerebral adquirido o coidado da hixiene oral pode marcar a diferenza entre unha correcta alimentación e a desnutrición; entre a capacidade de comunicarse correctamente coas persoas que a rodean e o illamento; entre un prognóstico favorable para a rehabilitación e o estancamento ou a atonía.
 
O dano cerebral adquirido é a discapacidade resultante das secuelas que permanecen na persoa despois dun ictus ou un traumatismo cranioencefálico -existen outras causas, pero son minoritarias-. Unha persoa nada sen dano algún no cerebro ten, de súpeto, unha lesión cerebral por algunha das causas mencionadas, e volve a casa cunha discapacidade e unha gran diversidade de problemas e secuelas asociadas.
 
Entre as consecuencias máis habituais do dano cerebral están a disfaxia, problemas motores, parálises musculares, alteracións na sensibilidade… Unha serie de secuelas que se retroalimentan, con enormes repercusións para a calidade de vida da persoa, co mantemento dunha correcta hixiene bucodental. Pero, ademais, é común que a persoa con dano cerebral teña falta de concentración, impulsividade ou hiperactividade, vexa afectada a súa memoria e/ou a linguaxe, presente alteracións condutuais leves, e outras múltiples secuelas que practicamente imposibilitan a asistencia a unha consulta odontolóxica das habituais.
 
O modelo de atención ao dano cerebral adquirido proposto polo Imserso, que é, á súa vez, o das asociacións agrupadas en FEGADACE, entende a atención á discapacidade desde unha perspectiva integral e interdisciplinar, abordada desde diferentes disciplinas que actúan de maneira coordinada coa persoa e coa súa familia e contorna social. É un modelo centrado na persoa e na súa calidade de vida, individualizado, onde cada aspecto da saúde é importante para o mantemento ou desenvolvemento de capacidades da persoa en función duns obxectivos determinados polas súas expectativas, gustos e necesidades. Non se trata de rehabilitar a unha persoa para que camiñe, senón de facela chegar onde queira na súa cadeira de rodas (sen descoidar, por suposto, as súas sesións de fisioterapia).
 
Que papel xoga en todo isto a odontoloxía? Trátase dunha máis do conxunto de disciplinas que deben abordar de maneira integral a recuperación e mantemento da persoa con dano cerebral adquirido. E de que maneira pode facelo? Seguindo o modelo desenvolvido pola Unidade de Odontoloxía para Persoas con Necesidades Especiais da Universidade de Santiago de Compostela. Esta Unidade, única en Galicia e das poucas existentes en España, é o organismo de referencia para as persoas con discapacidade no seu territorio. Un grupo de traballo movido por unha filosofía que entende a saúde -tamén a oral- como un dereito, sen barreiras, e o benestar da persoa como unha cuestión para abordar de maneira integral.
 
Por iso a Unidade colabora con FEGADACE na execución dun proxecto cuxo fin principal é a concienciación social sobre a estreita relación entre saúde oral e o dano cerebral, así como a importancia dunha boa saúde bucodental nas persoas con dano cerebral, desde tres puntos de vista: o preventivo, o curativo e o formativo. Froito desta colaboración elaboráronse produtos como tres titoriais que axudan a coidar a hixiene oral diaria da persoa con dano cerebral, dándolle (a ela ou á súa coidadora de referencia) recomendacións sobre como abordala en función da súa autonomía persoal. Trátase, de feito, de tres vídeos nos que se aborda de maneira individualizada a saúde oral da persoa independente, a persoa en situación de dependencia moderada, e a persoa con dependencia severa. Creouse tamén unha serie de vídeos formativos sobre ‘Saúde Oral e Dano Cerebral’, dirixidos a actuais e futuras profesionais da odontoloxía, nos que se expoñen os principios básicos dos coidados odontolóxicos das persoas con dano cerebral, as causas das alteracións orais, a súa prevención e o seu tratamento, e tamén a intrínseca correlación entre a periodontite e a principal causa de dano cerebral, o ictus. Por último, editáronse dous folletos informativos dirixidos, por unha banda, a coidadoras de persoas con dano cerebral e, por outro, a profesionais da odontoloxía, con consellos chave para asegurar unha correcta hixiene e saúde bucodental nas persoas con esta discapacidade.
 
Como ente universitario, a Unidade de Odontoloxía para Persoas con Necesidades Especiais non só coida directamente da saúde oral das persoas con dano cerebral -e outras discapacidades-, senón que se preocupa de formar, en cada promoción, a profesionais capacitados/as e sensibilizados/as coa atención á diversidade. Que traballa por unha odontoloxía accesible nunha sociedade sen barreiras.
 

Arquivada en:
Proxectos > Proxectos > Formación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)