Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Fundación Mujeres | | Carla Miranda, traballadora social de FEGADACE, no centro da fila superior

A traballadora social de FEGADACE imparte unha charla para a Fundación Mujeres

Enmarcada no Servizo de Apoio Integral ás Coidadoras, co obxectivo de informalas sobre o dano cerebral.

27/07/2021 | Online

A Federación Galega de Dano Cerebral impartiu unha charla dirixida ás coidadoras para tratar de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia, no marco dos Espazos de Participación do Servizo de Apoio Integral ás Coidadoras, financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.

A charla, impartida o mércores 21 de xullo ás 10:30 por Carla Miranda (traballadora social de FEGADACE), proporcionou información sobre as principais causas do dano cerebral (o ictus -que está detrás do 78% dos casos- e os accidentes de tráfico), e do modelo de atención e rehabilitación que se desenvolve nas asociacións galegas de dano cerebral, ditado polo Ministerio de Sanidade a través do Imserso.

Durante a súa intervención tamén falou dos factores que poden provocar un ictus. Aínda que é máis habitual en persoas adultas por riba dos 55 anos, pode ocorrer a calquera idade. Polo tanto, é fundamental estar alerta cos síntomas de alarma e actuar canto antes; pódense salvar vidas e evitar máis casos de discapacidade adquirida.
 
Ademais, durante o tempo de intervención a traballadora social presentou os resultados do estudo elaborado pola Federación “O coidado informal no dano cerebral adquirido”, onde se pon de manifesto a perpetuación dos roles de xénero nos coidados non remunerados con familiares con esta discapacidade e as súas secuelas, tanto físicas como emocionais, derivadas das tarefas que require coidar a persoas con dano cerebral, renunciando moitas veces ao emprego e reducindo o tempo de autocoidado.
 
Información recollida da páxina web da Fundación Mujeres e de Ciudadanas.

Arquivada en:
Proxectos > Proxectos > Investigación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)