Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Metropolitano.gal | 03/02/2021 | Persoal da Unidade de Ictus do CHUVI

A unidade de ictus do Álvaro Cunqueiro, recoñecida entre as mellores de Europa

O hospital, que atendeu a 766 pacientes o ano pasado, obtivo a certificación da European Stroke Organisation.

03/02/2021 | Vigo

A Unidade de Ictus do Hospital Álvaro Cunqueiro ven de ser recoñecida coa certificación da ESO (European Stroke Organisation) que o acredita como centro de máximo nivel na atención a pacientes con accidentes cerebrovasculares. Trátase do primeiro hospital galego en recibir esta certificación, colocándolo na vangarda europea da asistencia a esta patoloxía. Tan solo 37 hospitais europeos -14 deles españois- contan con ela.
 
Segundo explica o coordinador da Unidade, José Luis Maciñeiras, “estamos moi satisfeitos con este recoñecemento internacional, que avala a calidade do funcionamento do hospital e da Unidade de Ictus no manexo destes pacientes. Trátase dun mérito compartido por todos os que traballan e colaboran coa Unidade, tanto de Neuroloxía como doutros servizos como Urxencias, Radioloxía, Neurointervencionismo, Rehabilitación, Neurocirurxía, UCI e Anestesioloxía”.
 
Para outorgar esta certificación, a ESO esixe o cumprimento duns requirimentos moi esixentes, un total de 44 puntos nos que se valoran aspectos organizativos, de infraestrutura, recursos físicos e humanos, formación e investigación, procedementos para diagnóstico e terapias, e indicadores de resultados e de calidade. “En definitiva, esta acreditación garante que no Álvaro Cunqueiro pódese realizar coa máxima calidade todas as técnicas diagnósticas e terapéuticas máis avanzadas para esta patoloxía“, explica Maciñeiras.
 
Administración do tratamento en 39 minutos
 
O Ictus ou accidente cerebrovascular se produce cando un trombo tapona unha vía do cerebro, impedindo a circulación do sangue. A interrupción do fluxo sanguíneo provoca unha diminución da achega continua de osíxeno e nutrientes que precisan as neuronas para poder desenvolver as súas funcións. Por isto require dunha intervención inmediata para realizar o diagnóstico e o tratamento, porque canto máis tempo dure a interrupción do fluxo sanguíneo cara ao cerebro, maior será o dano e lesións cerebrais ocasionadas.
 
Hoxe en día, os profesionais do Chuvi conseguiron un tempo de resposta para administrar o tratamento fibrinolítico a estes pacientes de 39 minutos, cifra que mellora as recomendacións internacionais, que teñen como obxectivo inicialo dentro dos 45 minutos desde a chegada do paciente ao hospital.
 
766 pacientes hospitalizados o pasado ano
 
Segundo afirman os especialistas, os tres piares fundamentais no tratamento desta patoloxía son: as Unidades de Ictus -das que se poden beneficiar a maioría dos pacientes e que teñen demostrado que melloran a supervivencia e autonomía-; o tratamento fibrinolítico e a tromboctomía mecánica.
 
A Unidade de Ictus do Hospital Álvaro Cunqueiro ven de cumprir cinco anos de existencia, durante os que ingresaron un total de 3.481 pacientes. Conta con seis camas con monitorización permanente. Soamente o pasado ano, foron 766 os pacientes hospitalizados neste área.
 
No referido aos tratamentos, cando se produce un infarto cerebral isquémico, sempre que é posible, o neurólogo administra a fibrinolise, que é un medicamento que disolve o coágulo que está obstaculizando o fluxo sanguíneo. Neste momentos, este tratamento pode aplicarse nas primeiras nove horas transcorridas desde o infarto cerebral. Os neurólogos de Vigo indicaron o pasado ano 127 tratamentos fibrinolíticos, o que representa un 16,5% dos pacientes con esta patoloxía ingresados na Unidade.
 
Cando non se pode administrar a fibrinolise ou esta fracasa, existe unha alternativa, a trombectomía mecánica, técnica na que un neurorradiólogo introduce un catéter ata o trombo para a extracción do mesmo. Esta alternativa debe realizarse nas primeiras 24 horas do Ictus. No pasado ano, os especialistas do Cunqueiro realizaron 180 destes procedementos. Cabe destacar que o Álvaro Cunqueiro é a referencia da práctica de trombectomías para a provincia de Pontevedra.
 
Tipos e factores de risco
 
Existen fundamentalmente dous tipos de Ictus: o isquémico é o máis frecuente e prodúcese pola obstrución ou taponamento dun vaso. O segundo é o hemorráxico e orixínase pola ruptura dun vaso no cerebro.
 
Esta patoloxía é o resultado da confluencia dun determinado estilo de vida e de circunstancias persoais. Os factores de risco máis importantes son a idade (o 75% dos ictus afectan a maiores de 65 años); os antecedentes persoais ou familiares de enfermidades cardiovasculares; a hipertensión arterial; as dislipemias (colesterol e outros lípidos aumentados); a diabetes mellitus; o consumo de tabaco, alcohol e drogas; e a vida sedentaria.
 
No noso país, o Ictus continua sendo a segunda causa de morte, a primeira en mulleres; a primeira causa de discapacidade en adultos e a segunda de demencia.
 
Información extraída de Metropolitano.gal.
 

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Causas > O ictus