Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 03/09/2019 | A farmacéutica e 'cazabulos' María José Cachafeiro

A Xornada sobre o DCA ensinará 'como diferenciar a información veraz dos bulos'

A 'cazabulos' María José Cachafeiro axudará a detectar mentiras 'online' sobre terapias e saúde.

05/09/2019 | Santiago de Compostela

María José Cachafeiro licenciouse en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela e afeccionouse á comunicación online a través do blog La Botica de Teté, do que é co-autora e do que xestiona as redes sociais (Twitter, Instagram e Facebook). É vogal da Xunta directiva da Asociación de Investigadores en eSaúde (AIES), que promove a iniciativa Salud sin Bulos. Salud sin Bulos ten como obxectivo combater as mentiras sobre saúde na internet (redes sociais, WhatsApp, etc.) e transmitir información veraz e fiable. Cachafeiro forma parte desta iniciativa como 'cazabulos'.

Ademais de identificar e desmontar os bulos que circulan pola rede, o labor de Cachafeiro pasa pola formación da audiencia para capacitala á hora de diferenciar webs e informacións fiables doutras que non o son. Por iso vai impartir, na Xornada sobre o DCA, a conferencia 'Saúde na Rede. Como diferenciar a información veraz dos bulos?' (12:30).

María José Cachafeiro conta con másters en Xestión da Oficina de Farmacia (Universidade de Barcelona) e Atención Farmacéutica Comunitaria (Universidade de Valencia). É experta en ortopedia para farmacéuticos (Universidade de La Rioja), posgrao en Marketing Dixital (UNED) e en Community Manager (UNED), e business expert en Administración e Dirección de Empresas (ThePowerMBA).

Ten participado como relatora e formadora en múltiples de xornadas e eventos relacionados coa farmacia, as novas tecnoloxías, a eSaúde e a farmacia dixital.

Autora do ebook La FarmAPPedia: Catálogo de Apps de uso y prescripción en la Farmacia. Tamén é co-autora do blog Dermoclass3.0, do espazo TodoDermo de Correo Farmacéutico e colaboradora habitual de publicacións e blogs do sector.

Recibiu varios premios polas súas actividades e divulgación en redes sociais, como o ‘Premio ao farmacéutico máis activo en Redes sociais, Infarma Madrid’ en marzo de 2016, o 1º Premio ‘Líderes en relevancia digital’ (categoría Engagement), da Cámara de Comercio de Oviedo -maio de 2017-, o ‘Premio Redes Sociais ao farmacéutico máis activo’ no 21º congreso Nacional Farmacéutico (Burgos, outubro de 2018) e bronce na categoría ‘Mellor farmacéutico 2.0’ nos premios iDermo 2019.

A Xornada sobre o Dano Cerebral Adquirido dedícase á reflexión sobre ‘Información e toma de decisións: unha mirada desde a ética’. Terá lugar o 28 de setembro desde as 9:00 na Facultade de Filosofía da USC, en Santiago de Compostela. A inscrición está aberta ata completar aforo e é gratuíta. Pode formalizarse nesta ligazón.

#XornadaDCA

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Divulgación de coñecemento
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)