Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 11/09/2020 | Sala de espera no centro de ADACECO

A Xunta anuncia que haberá novas instrucións para reabrir os centros de día

ADACECO, ADACE Lugo e Sarela retomarán a actividade a vindeira semana.

11/09/2020 | A Coruña | Lugo | Santiago

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou onte trala reunión do Consello unha serie de novas medidas para residencias e centros de día acordadas polo comité clínico de persoas expertas que está a planificar como facer fronte á pandemia da COVID-19.

En concreto, Feijóo sinalou que o devandito comité clínico está a traballar na elaboración dunhas instrucións para poder manter abertos os centros de día, mesmo no caso de que se atopen en zonas suxeitas a especiais restricións. O presidente anunciou un protocolo que entrará en vigor a vindeira semana, aínda que non adiantou ningún dos seus contidos.

As asociacións de dano cerebral agardan coñecer as instrucións para implantalas e poder abrir en canto sexa posible e en condicións de seguridade os centros de día que neste momento permanecen pechados (ADACECO na Coruña, ADACE Lugo e Sarela en Santiago). As entidades subliñan a necesidade de que as persoas con dano cerebral retomen cando menos unha parte da súa actividade dada a súa especial vulnerabilidade social.

A próxima semana os centros que actualmente permanecen pechados irán abrindo a medida que poidan incorporar as instrucións específicas da Xunta en función dos seus procesos organizativos sobre os cales están sendo xa informadas as persoas usuarias e as súas familias.

O presidente da Xunta anunciou tamén un protocolo para regular as visitas ás persoas usuarias de residencias en zonas afectadas pola COVID-19 para reducir o impacto do confinamento.

Por último, anunciouse a posta en marcha de cribados constantes entre o persoal dos centros sociosanitarios. Segundo o anuncio de Feijóo, cada 15 días faranse un cribado das 15.000 profesionais que están nas residencias e centros de atención ás diferentes discapacidades. Adicionalmente, levarase a cabo unha mostraxe aleatoria entre as persoas usuarias das 300 residencias de Galicia, para detectar posibles incidencias antes de que se produzan síntomas.

Arquivada en:
Recursos de Atención > Información para a atención > COVID-19