Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Pixabay | | Centro de atención a persoas con discapacidade

A Xunta aprobou o concerto social para a creación de prazas públicas de atención

Artellarase unha bolsa de entidades de iniciativa social dos campos da discapacidade, menores ou inclusión.

22/02/2021 | Galicia

[Actualización do 22/02/2021] Trala aprobación do Decreto do Concerto Social no Consello da Xunta, o texto completo do documento foi publicado no DOG do 7 de xaneiro deste ano, facéndose efectiva a vixencia do mesmo. A Consellería de Política Social informou en reunión ao tecido asociativo da discapacidade dos prazos aproximados de posta en marcha e implantación deste novo sistema. Actualmente o decreto está en fase de diagnóstico sobre a cantidade e tipoloxía dos contratos de prazas vixentes, para efectuar o cambio para o novo réxime. Agárdase que ese proceso finalice ao longo de 2021, para, a continuación, publicar os novos contratos co novo réxime.


 

[Información do 18/12/2020] O Consello da Xunta aprobou onte o Decreto que regula o concerto social, mediante o que se mellorará o procedemento para poñer á disposición das familias galegas prazas públicas de atención. Trátase dun avance normativo moi demandando polas entidades sociais, especialmente as que traballan con persoas con discapacidade, xa que establece un modelo máis flexible e áxil e posibilita que se concerten as prazas alí onde a persoa usuaria as necesite.

Na actualidade, cando a Xunta quere incrementar o número de prazas públicas neste ámbito, estas contrátanse mediante un procedemento ao que as entidades e empresas que están en condicións de prestar este servizo público deben presentar as súas propostas para que as avalíen os técnicos da Administración autonómica en función de criterios obxectivos. Mediante o concerto social, créase unha bolsa de entidades que están en condicións de ofrecer prazas a partir duns criterios preestablecidos.

Establécense dúas formas complementarias de acceder a esta bolsa: un procedemento anual para que as entidades presenten as súas solicitudes; e os concertos de adhesión, a modalidade máis innovadora, que permite que as entidades se poidan inscribir en calquera momento e que as prazas se concerten cando e con quen sexa preciso, en función duns criterios obxectivos. Isto é semellante a un acordo marco.

Prioritario no ámbito da discapacidade

O concerto social aplicarase de xeito prioritario no ámbito da discapacidade, pero tamén se implantará noutros ámbitos nos que as entidades de iniciativa social son predominantes, como a atención a menores ou a inclusión social. As principais vantaxes que ofrece o concerto social son que se dá prioridade na contratación ás entidades sociais; flexibilízase a creación de prazas públicas alá onde son máis necesarias e tendo en conta as preferencias das familias; e axilízase a oferta de servizos para as persoas que os precisan con urxencia.

Este texto apróbase definitivamente tras o seu paso polo Consello Consultivo de Galicia, que propuxo unha serie de suxestións técnicas de mellora que foron atendidas na súa totalidade. Nun prazo máximo de 18 meses tras a entrada en vigor deste decreto, Galicia realizará as primeiras convocatorias de servizos en réxime de concerto social.

Información emitida pola Xunta de Galicia.

Arquivada en:
Recursos de Atención > Información para a atención