© FEGADACE. | 31/10/2023 | Curso 'Apoio no Fogar de persoas con DCA'.
Aberta a matrícula para a nova edición do curso 'Apoio no fogar de persoas con DCA'
A formación realizarase de forma presencial na Casa do Concello de Boqueixón o 13 e o 16 de novembro.
A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) abriu o período de inscrición nunha nova edición do curso 'Apoio no fogar de persoas con dano cerebral adquirido', dirixido tanto a profesionais sociosanitarias dedicadas á atención e coidado de persoas do colectivo como a persoas coidadoras informais.
A formación ten unha duración de 8 horas e vaise realizar en dúas sesións de catro horas cada unha, que se desenvolverán presencialmente na Casa do Concello de Boqueixón o 13 e 16 novembro de 2023 en horario de 16 a 20h. A inscrición é gratuíta e hai 25 prazas en oferta. As persoas que completen o curso recibirán un certificado emitido pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde.
Temario
O obxectivo da formación, impartido por profesionais da FEGADACE, é mellorar a calidade de vida do colectivo de persoas con esta discapacidade a través da capacitación das persoas que se fan cargo do seu coidado na casa. Ademais, a formación tamén redunda positivamente nas persoas coidadoras, que aprenderán técnicas que limitarán o seu desgaste, tanto físico como emocional, derivado do labor de atención a unha persoa con dano cerebral adquirido.
Así, o temario de contidos do curso combina teoría e práctica e aborda os seguintes aspectos: ‘Detección do DCA’; ‘Pautas para avaliar a evolución da persoa con DCA’; ‘Comunicación coa persoa con dano cerebral adquirido e habilidades comunicativas’; ‘Alteracións cognitivas e condutuais’; ‘Ocupacións: Accesibilidade e produtos de apoio'; ‘Alimentación, deglutición e medicación’; ‘Tratamento da intimidade e da privacidade’; ‘Hixiene, curas e prevención de úlceras’; e ‘Acompañamento no tempo libre e actividades de lecer’.
A organización da actividade conta coa colaboración do Concello de Boqueixón e con financiamento do Grupo TRAGSA a través da II convocatoria 'Solidarios Nacionales'.