Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Zarateman (Wikimedia Commons) | | Edificio do Tribunal Constitucional

Aberto o acceso á xustiza gratuíta a persoas con discapacidade por neglixencias médicas

Unha sentenza do Tribunal Constitucional recoñece este dereito á familia dun adolescente que tivo un ictus.

03/08/2022 | Madrid

O Tribunal Constitucional (TC) abriu o acceso á xustiza gratuíta a aquelas persoas que, con independencia da súa renda, quedasen discapacitadas por unha neglixencia médica.

O Constitucional acolleu un recurso de amparo e deu a razón ao pai dun adolescente con discapacidade como consecuencia dunha mala praxe. O Colexio da Avogacía de Madrid e un xulgado de primeira instancia de Madrid denegáranlle o beneficio da xustiza gratuíta, argumentando que segundo a lei actual só se concede o dereito a quen sufrise unha discapacidade causada por un accidente de tráfico.

Para o TC, esta interpretación “limita o dereito á xustiza gratuíta mediante unha interpretación que incorre nunha palpable desproporción”. Ademais, “o tribunal anterior non razoa por que se recoñece o dereito a asistencia xurídica gratuíta con independencia da existencia de recursos para litigar só cando a secuela permanente derive dun accidente de circulación”, din os maxistrados.

“Supón un logro social, porque os afectados por neglixencia médica ou por calquera outra agresión, que adquiren unha discapacidade, tamén son suxeitos que sufriron un accidente. E por tanto, permítelles o dereito de acceso a xustiza gratuíta que afecta a un dereito fundamental como é o acceso á tutela xudicial efectiva”, afirma Carlos Sardinero, avogado defensor.

O demandante solicitou o amparo coa finalidade de interpoñer unha demanda de responsabilidade civil polo dano sufrido polo seu fillo por un atraso no diagnóstico dunha doenza, que motivou a concesión dun 87% de discapacidade.

Para o letrado, “non se pode realizar unha interpretación restritiva do termo accidente, porque a lei non o fai. Por iso, o accidente pódese facer extensivo a unha neglixencia médica, a un accidente laboral ou mesmo a unha agresión física ou moral que se sufra en calquera circunstancia”, agrega.

“Esta persoa pode ter recursos para litigar, pero se cadra non os ten para facer fronte ás elevadas custas, unicamente podería asumilas con xustiza gratuíta”, argumenta Sardinero.

A asistencia xurídica gratuíta está garantida para aquelas persoas que carecen de recursos económicos, pero tamén, independentemente da súa renda, para as vítimas de violencia de xénero, menores e para as persoas con discapacidade en determinados supostos.
 
Información publicada polo Consello Xeral da Avogacía
Consulta a sentenza na páxina do Tribunal Constitucional

Arquivada en:
Demandas do Colectivo > Necesidades do colectivo