Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Renacer | 06/02/2020 | Xantar de Entroido de Renacer 2018

As persoas usuarias de Renacer gozarán en febreiro de novas actividades de ocio

O día 21 a entidade ourensá celebrará o seu tradicional 'Xantar de Entroido' .

06/02/2020 | Ourense

A Asociación de Dano Cerebral Adquirido de Ourense, Renacer, comeza este ano 2020 chea de actividades. Así, neste mes de febreiro as persoas usuarias da entidade poderán gozar de saídas culturais e de actividades gastronómicas.

A primeira das actividades terá lugar este venres, na que os usuarios e as usuarias da asociación ourensá, acompañados por profesionais e persoas voluntarias, acudirán ao Salón Internacional de Turismo Gastronómico 'Xantar', que nestes días cumpre a súa XXI edición. Trátase dunha actividade incluida no Programa de Ocio de Renacer no que as persoas asistentes poderán comprobar as novidades dentro do denominado 'Turismo gastronómico'. A actividade, que se desenvolverá en Expourense, está prevista para as 16:00 horas.

Dentro do programa de ocio, o equipo de Renacer tamén está a organizar unha saída cultural para as persoas usuarias. Será o día 20 de febreiro, ás 17:00 horas, cando acudan á Exposición 'Leonardo, o músico', unha mostra que aglutina a faceta de músico de Leonardo da Vinci. Nesta exposición poderán descubrir varios dos instrumentos realizados polo artista italiano en base ás súas notas e deseños, así como instrumentos musicais da época. A cita terá lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel da capital ourensá.

Xantar de Entroido

O Entroido ourensán é a temática da última das actividades organizadas por Renacer para este mes de febreiro. A asociación organiza o vindeiro venres 21 o seu 'Xantar de Entroido' co obxectivo de celebrar esta festa tan arraigada en toda a provincia. O Centro Integral de Servizos da Asociación Aixiña será o lugar onde as persoas asistentes poderán gozar desta actividade que Renacer organiza anualmente. Esta comida está aberta tanto a persoas usuarias e as súas familias e ó equipo da entidade, como ás persoas socias.

 


 

 

Arquivada en:
A Federación > Que é FEGADACE
Recursos de Atención > Mapa de recursos > DCA Ourense