Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 22/03/2021 | Presentación dos resultados do estudo sobre coidado informal no dano cerebral

Almorzo informativo de presentación dos resultados do estudo sobre coidado informal

FEGADACE realizou unha investigación sobre o impacto dese labor na calidade de vida das persoas coidadoras.

22/03/2021 | Online

A ausencia de recursos de atención ás persoas con dano cerebral ten unha repercusión directa e inmediata: a existencia de coidado informal -é dicir, non remunerado, proporcionado a nivel doméstico. É de sobra coñecida polas asociacións de dano cerebral a sobrecarga coa que viven as familias a atención ás persoas con esta discapacidade; ademais da constatación da desigualdade de xénero existente á hora de proporcionar estes coidados.

Para poñer datos a esta realidade, coñecer ata onde chega o impacto na vida das persoas coidadoras do labor de atención informal ás persoas con dano cerebral, e contribuír ao deseño de políticas públicas de apoio a este colectivo, FEGADACE desenvolveu en 2020 un estudo titulado 'O coidado informal no dano cerebral adquirido: impacto na saúde e calidade de vida das persoas coidadoras. Análise en clave de desigualdade de xénero'.

Trátase dunha investigación promovida por FEGADACE; contou co apoio da Fundación Barrié, a Fundación Roviralta e a Consellería de Política Social; foi elaborada por ReTnova Proxectia Consulting; e contou coa colaboración de case 300 persoas coidadoras de usuarios e usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela.

As conclusións do estudo remataron de procesarse a primeiros deste ano e van ser presentadas publicamente, a través dun almorzo informativo online, o venres 9 de abril. O acto durará unhas tres horas, desde as 10:30, e a inscrición está aberta e é gratuíta.
 
INSCRICIÓN AQUÍ

Presenza das protagonistas e das especialistas

O acto de presentación conta con tres partes, que se van desenvolver tras unha apertura institucional na que falarán Luciano Fernández Pintor, presidente de FEGADACE, Teresa Presedo Huete, responsable da Área Social da Fundación Barrié, e Antón Acevedo Prado, director xeral de Atención Integral Sociosanitaria da Consellería de Política Social.

No primeiro bloque vanse presentar os principais resultados do estudo, xunto cun vídeo que os resume. Van intervir neste apartado a directora de FEGADACE, Begoña Hermida Val, e María Vidal Martínez, consultora sénior e investigadora principal do estudo como parte de ReTnova Proxectia Consulting, a entidade á que se encargou o deseño e realización do traballo.

En segundo lugar toman a palabra as protagonistas. A traballadora social e directora de Renacer -a Asociación de Dano Cerebral de Ourense-, Noelia Luque Gómez, vai entrevistar á muller e coidadora María Isabel Pardo Pardo, que falará da súa experiencia en primeira persoa coidando ao seu marido con dano cerebral adquirido.

Por último, serán as especialistas quen completen o retrato da situación do coidado informal en Galicia. En concreto, a profesora na Facultade de Socioloxía da UdC (tamén decana do centro) Raquel Martínez Buján vai falar sobre A organización social dos coidados en Galicia. Estará acompañada por Antía Pérez Caramés, profesora da mesma facultade, que retratará os Coidados e desigualdade de xénero en Galicia. Ambas pertencen ao Equipo de Investigación Sociedades en Movemento (ESOMI) da UdC.
 
Hai máis información sobre as relatoras nesta ligazón.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Investigación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)