Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Axenda

© FEGADACE | 14/09/2021 | Última etapa do Camiño de Santiago

As asociacións chegan o venres a Santiago 'Camiñando polo dano cerebral'

200 membros das entidades de FEGADACE van percorrer o último tramo da derradeira etapa da ruta xacobea.

17/09/2021 - 17/09/2021 | Santiago

O proxecto 'Camiñando polo dano cerebral' achégase ao seu fin, o 24 de setembro. Trala celebración do Trail e andaina solidaria do domingo, só quedan programadas catro charlas informativas e a actividade que culminará esta iniciativa: o percorrido da última etapa do Camiño de Santiago por parte das asociacións de FEGADACE.

As persoas con dano cerebral van ser as protagonistas desta actividade. Grupos procedentes das cinco asociacións de FEGADACE van facer xuntos un tramo da última etapa do Camiño, ata a Praza do Obradoiro, para logo gozaren dun xantar conxunto no Parque de Galeras. A cita é este venres 17 de setembro.

O punto de encontro e de partida é Salgueiriños, onde chegarán pola mañá os vehículos adaptados procedentes da Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e diversos puntos da comarca de Santiago. Está prevista a participación dunhas 200 persoas, na súa maioría usuarias das nosas asociacións, pero tamén profesionais, voluntarias e familiares.

O percorrido, dadas as obras que obstaculizan parte do tramo final do Camiño, sairá de Salgueiriños ás 11:00, desprazándose pola avenida de Xoán XXIII ata a rúa de San Francisco. Aí sumaranse algunhas persoas que non poden facer o percorrido completo, para entraren xuntas na Praza do Obradoiro. Tamén está previsto incorporar nese punto, diante da Facultade de Medicina, ás autoridades implicadas na actividade, arredor das 12:30.

A actividade rematará cun acto de benvida que vai ter lugar ás 13:00 na Praza do Obradoiro, diante do Pazo de Raxoi. Contaremos coas intervencións do presidente de FEGADACE, Luciano Fernández, do director da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa, da Conselleira de Política Social, Fabiola García, e do Alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo. Para finalizar, cinco persoas con dano cerebral, representantes das cinco asociacións de FEGADACE, darán lectura a un manifesto final.

A actividade péchase cun xantar conxunto no Parque de Galeras.

'Camiñando polo dano cerebral' é un proxecto enmarcado no programa O Teu Xacobeo, financiado pola Xunta de Galicia e o Xacobeo 2021-2022. Esta actividade conta ademais coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela e de Eroski.
 
Lugar de celebración:

Saída: Salgueiriños (11:00)
Punto de encontro: Facultade de Medicina (12:30)
Acto de benvida: Praza do Obradoiro (13:00)

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Prevención
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)