Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© ADACECO | 04/05/2021 | Dispositivo DESA instalado en ADACECO

As asociacións de dano cerebral xa son espazos cardioprotexidos

Instalación de desfibriladores e formación dos equipos profesionais en técnicas de soporte vital básico.

04/05/2021 | Galicia

As asociacións de FEGADACE son desde este ano espazos cardioprotexidos grazas ás persoas contribuíntes que marcan a X Solidaria. A Federación e as súas entidades membro están a desenvolver un proxecto de fortalecemento da capacidade estrutural dos recursos de atención ao dano cerebral adquirindo equipamentos e formando ao persoal no seu uso.

En concreto, as asociacións veñen de dotarse de 18 desfibriladores externos semiautomáticos (DESA) para a súa instalación nos centros, con parte deles reservados para o transporte nos vehículos adaptados durante as saídas e desprazamentos.

Estes dispositivos empréganse, complementados coas maniobras de reanimación cardiopulmonar básica, nos casos de parada cardíaca. A principal consecuencia deste fallo do corazón son os danos neurolóxicos, que se poden reducir ou evitar maniobrando con rapidez, nos primeiros minutos desde que se produce a parada.

Formación

Ademais de instalar os dispositivos, FEGADACE organizou, desta vez grazas ao Convenio coa Consellería de Política Social, unha serie de accións formativas para capacitar aos equipos profesionais das entidades no uso dos dispositivos DESA.

Esta formación foi impartida pola Asociación Sociocultural Bombeiros de Galicia e contou con nocións de RCP (reanimación cardiopulmonar) básica para persoas adultas e a nivel pediátrico, RCP instrumentalizada, outras prácticas de primeiros auxilios como desobstrución da vía aérea e mobilización de emerxencia, e RCP con DESA.

A formación impartiuse pola AS Bombeiros de Galicia nas cinco asociacións de dano cerebral. Cumpre cos requisitos establecidos para a capacitación do persoal non médico polo Decreto 38/2017, de 23 de marzo, polo que se regula a instalación e o uso de desfibriladores externos fóra do ámbito sanitario, e se crea o seu rexistro.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Formación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)