Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 18/06/2019 | Concellos nos que FEGADACE organizou charlas sobre o DCA

As charlas sobre o DCA chegaron a 32 dos concellos máis illados e envellecidos

Un proxecto desenvolvido por FEGADACE grazas ás persoas contribuíntes que marcaron a X Solidaria.

18/06/2019 | Galicia

Entre os meses de marzo e xuño de 2019 a traballadora social de FEGADACE visitou 32 concellos para impartir 33 charlas informativas sobre o dano cerebral adquirido. Este proxecto de sensibilización no rural levou información sobre o DCA a 469 persoas que asistiron ás 33 charlas realizadas.

Nas sesións falouse das causas do dano cerebral, especialmente do ictus; achegáronse consellos para a prevención desta discapacidade; e trasladouse cal é o modelo de atención e rehabilitación, dando referencias sobre os recursos máis próximos a cada localidade.

A traballadora social de FEGADACE estivo acompañada, nalgunhas das charlas, de profesionais de ADACE Lugo, Renacer e Sarela, que presentaron ás súas asociacións nas localidades nas que estas son a entidade de referencia.

Un proxecto para o rural galego

Os concellos foron seleccionados entre os que presentaban un maior Índice de Envellecemento segundo os datos do Instituto Galego de Estatística de 2017. Este índice expresa nunha porcentaxe o número de persoas de 65 ou máis anos por cada 100 menores de 20.

A gran maioría das formacións tiveron lugar nas provincias de Ourense e Lugo. Aínda que se realizaran 33 charlas en 32 concellos (dúas delas tiveron lugar en aldeas de Monterrei), o proxecto acadou un total de 46 municipios. Dúas das charlas tiveron lugar nas mancomunidades de Celanova (anunciada para 8 núcleos) e do Ribeiro (6 concellos). A relación completa de concellos pódese consultar neste mapa:



X Solidaria e servizos sociais municipais

O programa contou co financiamento da Consellería de Política Social a través da asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, dos fondos que as persoas contribuíntes destinan a 'fins sociais' marcando a 'X Solidaria' na súa declaración da renda.

A encargada de impartir estas charlas foi a traballadora social de FEGADACE. A Federación incorporou este perfil profesional a finais de 2018 co obxectivo de incrementar o alcance das súas accións de sensibilización. As charlas organizáronse en colaboración cos servizos sociais dos concellos ou con outras asociacións locais, así como, nalgunhas ocasións, coas entidades membro de FEGADACE de referencia en cada provincia.

Arquivada en:
Transparencia > Alianzas e plataformas > X Solidaria
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)