Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© ADACE Lugo | 25/06/2019 | Actividade de ocio de fin de semana de ADACE Lugo

As persoas con dano cerebral de Lugo e Ourense estiveron en León e no Baixo Miño

Saídas organizadas por ADACE e Renacer e enmarcadas no programa de ocio de fin de semana de FEGADACE.

25/06/2019 | Robledo de Torío | Baixo Miño

As actividades previstas no convenio que FEGADACE mantén coa Consellería de Política Social teñen como obxectivo xeral contribuir á mellora das condicións e calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido e das súas familias. Por iso as nosas asociacións organizan unha actividade de ocio de fin de semana para as persoas con dano cerebral. Deste xeito, as usuarias e usuarios das entidades teñen a oportunidade de pasar unha fin de semana fóra da casa -fomentando a súa autonomía e inclusión-, mentres que as persoas coidadoras descansan desta ocupación -gañando tempo para elas mesmas e evitando o estrés que implica a atención á persoa con DCA-.

ADACE Lugo probou a hípica adaptada

Ata o momento foron dúas as asociacións que organizaron saídas este ano. A primeira foi ADACE Lugo, que levou un grupo de 15 persoas usuarias (5 mulleres e dez homes) á Fundación Carriegos, en Robledo de Torío (León). Trátase dunha escola de equitación especializada en atención e terapias para persoas con discapacidade, onde dispoñen de todo tipo de apoios para facilitar o contacto e a accesibilidade a actividades como montar a cabalo. As persoas usuarias de ADACE Lugo recibiron unha charla, titulada 'Coñecendo aos cabalos', participaron nun obradoiro de decoración de ferraduras, e gozaron de terapias individuais con eses animais.

A actividade tivo lugar na primeira fin de semana de maio. O grupo hospedouse nas instalacións da fundación e, ademais das actividades con cabalos, gozaron doutras actividades de lecer e coñeceron a vila de Robledo de Torío.

Excursión de Renacer polas dúas beiras do Miño

Pola súa banda, a asociación ourensá, Renacer, pasou a fin de semana do 22 de xuño na zona do Baixo Miño e tamén no norte de Portugal. De feito, hospedáronse nun camping do concello de Santa María de Oia, desde onde realizaron excursións á Guarda, desprazáronse en ferry desa localidade a Caminha (á que pertence a praia de Moledo, na que tamén estiveron), e visitaron Vilanova de Cerveira. O grupo de Renacer estivo composto por sete persoas usuarias da entidade (unha muller e seis homes).

Ambos grupos valoraron moi positivamente a actividade e sinalaron o seu interese por que se repita nos vindeiros anos. ADACECO, Alento e Sarela tamén están a organizar as súas actividades de fin de semana, que terán lugar ao longo do verán.

Arquivada en:
Proxectos > Proxectos > Accesibilidade e TIC