Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Xunta de Galicia | 10/06/2021 | O DX de Discapacidade e a directora de Sarela na visita ao centro

As usuarias de Sarela trasladan as súas demandas ao Director de Discapacidade

Fernando González Abeijón atendeu ás necesidades expresadas en relación coa pandemia.

10/06/2021 | Santiago

O Director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, Fernando González Abeijón, visitou Sarela o 9 de xuño para coñecer de primeira man o funcionamento dos servizos e proxectos da entidade. As persoas usuarias dos mesmos mantiveron un encontro con González Abeijón para exporlle as súas necesidades e inquedanzas relacionadas sobre todo coa situación sobrevida pola pandemia e agradeceron o apoio recibido. Pola súa banda José Balboa, presidente de Sarela, e Rocío García, directora da entidade, trasladaron un documento coas demandas específicas sobre Dano Cerebral Adquirido e outras xerais para mellorar a política social en Galicia.

A visita, que foi enriquecedora, serviu para coñecer o día a día de todos os servizos e ver in situ os cambios obrigados pola Covid-19. González Abeijón reuniuse cun grupo de persoas usuarias que leron unha carta asinada por elas na que resumen o seu sentir en relación á pandemia e como lles afectou no día a día.

Despois de agradecer a colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia en aspectos como é a achega de material como máscaras e xel hidroalcólico, a carta repasa os cambios que se tiveron que facer no centro o nas rutinas do servizo para garantir a seguridade sanitaria. A obriga de facer grupos burbulla co conseguinte afastamento doutros/as compañeiros/as, as limitacións á hora de realizar actividades no exterior, a imposibilidade de recibir visitas etc marcan esa convivencia. Na carta tampouco se esqueceron dun compañeiro que perderon ao enfermar por coronavirus.

Seguen os problemas coa vacinación

“A pesar das medidas tomadas dende este servizo, non entendemos como sendo un grupo de risco, hai compañeiros que aínda non teñen posta ningunha vacina (a día de hoxe 3 persoas). Hai tamén 8 compañeiros coa pauta de vacinación incompleta (só a 1ª dose) e incluso hai compañeiros que debido a súa situación de saúde e o risco de non estar inmunizados non se puideron incorporar aínda ao servizo”. Así expresan na carta o seu sentir en relación ao proceso de vacinación. “Sen estar todos vacinados non podemos retomar o que tanto apreciamos. Pediríamos, se fose posible, que se vacinase a todas as persoas que acoden o centro, independentemente da nosa idade. Somos unha poboación de risco. Isto nos permitiría poder facer unha vida mais normalizada e inclusiva, para nós o tempo que pasou conta o dobre”, continúan.

Sarela agradece o interese de Fernando González Abeijón por coñecer Sarela e a preocupación amosada durante o encontro polo seu funcionamento e benestar das persoas usuarias dos servizos así como o interese polos proxectos de futuro da entidade.

Outras demandas

No encontro de hoxe Sarela entrogoulle a Fernando González Abeijón un informe elaborado polas traballadoras sociais de Sarela no que se recollen propostas para mellorar a atención específica das persoas con dano cerebral e outros aspectos xerais das políticas sociais que teñen que ver co recoñecemento da discapacidade e dependencia, a seguridade social, etc.
 
Información extraída da páxina web de Sarela.

Arquivada en:
Transparencia > Financiadores
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela