Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 27/05/2019 | O educador social de Renacer presenta o seu proxecto de voluntariado protexido

Asistimos ao obradoiro de boas prácticas organizado pola Federación estatal

O resultado será a publicación dun novo Caderno FEDACE e dun tríptico a modo de resumo.

27/05/2019 | Madrid

O proxecto 'Voluntariado protexido de persoas con DCA', de Renacer, foi unha das iniciativas presentadas no obradoiro 'Boas prácticas e innovación para mellorar a calidade de vida das persoas con DCA e as súas familias', que FEDACE organizou o pasado venres, 24 de maio, en Madrid, e ao que asistiu o técnico de proxectos de FEGADACE.

Este encontro foi a segunda parte dunha primeira cita organizada o pasado 22 de febreiro, na que o movemento asociativo galego participou a través de Alento, que presentou o seu modelo de calidade de vida. Con ambos obradoiros preténdese intercambiar e compartir experiencias co obxectivo de consensuar boas prácticas de utilidade para todas as asociacións de dano cerebral.

Tralo obradoiro do venres consituíronse varios grupos de traballo, nos que participa FEGADACE, para desenvolver os contidos tratados. As conclusións publicaranse baixo a forma dun novo Caderno FEDACE (co que esta serie de publicacións acada o número 18), e dun folleto a modo de resumo dese manual de boas prácticas para mellorar a calidade de vida das persoas e familias con dano cerebral.

Presentación de boas prácticas

No obradoiro do venres houbo espazo para a teoría e para a práctica. A investigadora Martha Quezada presentou un informe de resultados sobre as asociacións de FEDACE en canto ao deseño e xestión de boas prácticas, e o consultor Gonzalo Berzosa explicou cal é a metodoloxía aplicable ao deseño e avaliación de boas prácticas.

As asociacións tiveron o seu espazo para a presentación de iniciativas exitosas. Interviñeron ADACEA Jaén, ADACEN Navarra, FANDACE, Ateneu Castelló, FUNDACE Castilla La Mancha, Rehacer Baleares e a propia FEDACE, ademais de Renacer.

O proxecto da asociación ourensá foi presentado por videoconferencia polo seu educador social, José Antonio Fernández. A través do 'Voluntariado protexido de persoas con DCA' a entidade presta apoio a persoas con dano cerebral cunha orientación de inclusión laboral. Renacer conta con acordos coa Universidade de Vigo -no seu campus de Ourense- e coa Cruz Vermella, polos que as persoas con dano cerebral realizan voluntariado no que reciben adestramento para a realización de tarefas propias dun posto de traballo real.

Arquivada en:
Transparencia > Alianzas e plataformas > Federación Española de Daño Cerebral
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)