Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 28/02/2019 | Presentación do informe sobre os servizos de rehabilitación na área de Santiago

Asociacións e colexios denuncian o deterioro dos servizos de rehabilitación

Sarela participou na elaboración dun informe sobre as carencias na área sanitaria Santiago-Barbanza.

28/02/2019 | Santiago

Representantes de nove asociacións de pacientes e persoas usuarias e de colexios profesionais presentaron o 27 de febreiro, nun acto celebrado no Colexio Médico de Santiago, un informe elaborado conxuntamente no que se analiza o actual modelo e carencias dos servizos integrais de rehabilitación da área sanitaria de Santiago-Barbanza, dos que dependen as 448.000 persoas que viven nos 46 concellos que a conforman.

A elaboración do informe levou 10 meses de traballo e as entidades que participaron foron a Asociación de Pacientes e Usuarias/os do CHUS, a delegación en Galicia da ANDADE (Asociación Nacional de Amputados de España), UGADE (Unión Galega de Epilepsia), Sarela (Asociación de Dano Cerebral de Compostela), Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia, Colexio Profesional de Logopedas de Galicia, Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia e Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Desproporción entre necesidades e recursos

Na presentación, Fernando Abraldes, en representación da Asociación de Pacientes e Usuarias/os do CHUS (entidade impulsora da iniciativa) afirmou que "a desproporción entre a demanda-necesidades e os recursos existentes é tan grande que crea dramas humanos". Para Abraldes hoxe "non se garante a equidade e universalidade no acceso inherentes aos servizos públicos de saúde por decisións orzamentarias e de xestión". “A situación palíase e non é peor polo alto nivel profesional e vocación de servizo público do persoal sanitario, ao que cabe atribuír integramente a excelencia dos servizos especializados".

Na exposición do informe destacouse varias veces o papel fundamental das familias. Luciano Fernández, secretario de Sarela e presidente de FEGADACE, denunciou que son elas as que asumen moitas veces en solitario e sen información unha función para a que non teñen coñecementos, non están preparadas e que normalmente implica un empobrecemento ao ter que asumir a rehabilitación. Isto provoca, segundo as entidades, que as familias, dado o abandono sufrido, recorran a servizos privados para ter o máximo nivel de intensidade na rehabilitación e acadar os obxectivos que lles permitan retomar a súa vida coa máxima calidade e independencia.

Un modelo fracasado

As entidades asinantes consideran o actual un modelo fracasado desde o momento en que hai persoas que se enfrontan a decisións vitais ou son dadas de alta sen información; a rehabilitación é tardía, parcial e escasa; moitas persoas renuncian á mesma ao non ter, por exemplo, medios de transporte para chegar a Santiago; e foméntanse e fortalécense servizos privados. Neste sentido, Luciano Fernández asegurou que hoxe hai un transvase de recursos públicos á parte privada, a través de concertos, e que, como no caso do dano cerebral, provocan que persoas que viven en Santiago sexan atendidas en Pontevedra.

Algúns exemplos destas situacións describiunas José Coujil (presidente de ANDADE) ao asegurar que as persoas que se enfrontan a unha amputación programada carecen de apoio psicolóxico para un acto que lles suporá un cambio total de vida. Criticou tamén que non haxa un equipo que estude cada caso para evitar problemas posteriores como o da adaptación das próteses. Tamén afirmou que é real que hoxe a xente é dada de alta sen ter programada a rehabilitación e son enviadas para casa cunha espera ás veces de dous meses, tempo esencial para mellorar os resultados.

Novo modelo multidisciplinar, descentralizado e con máis recursos

As nove entidades tamén lembran no informe que para o éxito da rehabilitación é fundamental o seu carácter multidisciplinario no que a comunicación e coordinación entre todas e todos os profesionais, ademais de coa persoa usuaria e a familia, son fundamentais. Pola contra, as entidades afirman que hoxe en Galicia "o recoñecemento legal do carácter multidisciplinario é marxinal e irrelevante e na realidade está ausente da práctica asistencial".

As entidades asinantes defenden un "cambio no modelo de atención e a dotación dos recursos que garantan os estándares de calidade na rehabilitación" e que cuantifican en 51 profesionais de psicoloxía, terapia ocupacional, fisioterapia, neurorehabilitación, psicomotricidade e traballo social. Outro aspecto que destacan as asociacións é a necesidade de descentralizar os servizos para achegalos á cidadanía e que a distancia non sexa un impedimento físico ou económico para recibir rehabilitación.

Debate social

Con este informe, quérese abrir un debate social sobre "as graves deficiencias dun servizo testemuñal e sen impacto efectivo sobre o proceso de rehabilitación da gran maioría da poboación afectada que, por este motivo, se ve obrigada a acudir aos servizos externos privados e soportando así unha nova discriminación por razón da doenza con vulneración do principio de equidade no acceso".

Algúns exemplos da infradotación de profesionais, e que se expuxeron no acto público, son:

  • Mellorar o servizo de atención temperá onde as nenas/os só teñen 2 horas de atención á semana, unicamente de terapia ocupacional e fisioterapia. Prestar a atención nunhas instalacións axeitadas dado que as actuais non están nin climatizadas e crear novos equipamentos como unha piscina terapéutica.
  • A necesidade cumprir a ratio recomedada pola OMS de ter 1 fisioterapeuta por cada 1.200 habitantes. Hoxe, por exemplo, no CHUS hai 4 fisioterapeutas para unha poboación de 384.000 persoas asignadas ao mesmo.
  • Inexistencia de profesionais de Terapia Ocupacional no CHUS para rehabilitación física de persoas adultas, fundamentais por exemplo para a rehabilitación de persoas amputadas ou con dano cerebral adquirido.
  • Na área sanitaria de Santiago só hai 0,44 logopedas para cada 100.000 habitantes, por debaixo da xa cativa media en Galicia de 0,52 ou na Coruña de 0,83.
  • Outro exemplo é a necesidade de aumentar o cadro de psicólogas/os clínicas/os ata acadar a media europea de 18 profesionais por cada 100.000 habitantes, fronte á proporción actual de 4 profesionais por cada 100.000 habitantes.
  • Dotación de 2 especialistas en traballo social, para velar do cumprimento efectivo dos dereitos das nenas e nenos recollidos na Convención sobre os dereitos do neno da Nacións Unidas de 1989.

 

Información elaborada por Sarela.
O informe completo pode descargarse aquí: A rehabilitación integral. Un dereito básico irrenunciable.

Arquivada en:
Demandas do Colectivo > Necesidades do colectivo
Recursos de Atención > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > > Transporte adaptado
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela