© FEGADACE | 24/08/2023 | Persoas usuarias de ADACECO participan nun grupo focal.
Balance positivo do primeiro ano do proxecto 'Servizos Sociosanitarios de Proximidade'
Máis de 200 persoas beneficiáronse de atención terapéutica, formacións e accións sociais participativas.
O proxecto Servizos Sociosanitarios de Proximidade para Persoas con Dano Cerebral, desenvolto con financiamento da convocatoria Galicia 2022 da Fundación La Caixa, finalizou a súa primeira fase de execución, realizada entre xullo de 2022 e 2023, cun balance moi satisfactorio, tanto en termos cuantitativos como cualitativos.
A iniciativa, inserta na liña de actuación definida no ‘Proxecto Rumbo: cara a un Modelo de Autonomía Persoal Conectada e Inclusiva’, permitiu aplicar solucións sociosanitarias innovadoras para que persoas con DCA residentes no rural melloren a súa autonomía e as súas posibilidades de vida independente. A través de tres grandes liñas de intervención, centradas na prestación de servizos de atención directa, formacións e actividades orientadas a promover a participación plena na vida comunitaria de persoas con DCA, o programa beneficiou a 212 persoas de diferentes perfís e con idades comprendidas, maioritariamente, entre os 31 e os 65 anos.
O proxecto tivo un especial impacto en persoas con DCA, en fase crónica ou de mantemento, con secuelas susceptibles de ser intervidas por parte do persoal sociosanitario, que habitan en zonas rurais carentes de recursos sociosanitarios ou aos que non teñen acceso por motivos económicos, de accesibilidade, mobilidade ou dependencia dunha terceira persoa.
Ademais, tamén se atenderon a persoas coidadoras ou familiares de persoas con DCA que necesitan apoio para formación no manexo dos coidados, apoio psicolóxico e/ou asesoramento de traballo social para acceder a recursos e/ou axudas. Igualmente, traballouse con profesionais do campo sociosanitario do tecido asociativo, servizos sociais comunitarios e/ou servizos de axuda no fogar de cara a incrementar a súa capacitación e especialización na atención ás necesidades do noso colectivo.
Servizos sociais de proximidade e formación
Un dos grandes obxectivos do proxecto é garantir a autonomía persoal, previr situacións de dependencia e evitar a institucionalización de persoas con necesidades de apoios e coidados de longa duración non cubertos polo actual sistema de atención. Por iso, unha das principais liñas de actuación foi a prestación de servizos sociosanitarios de proximidade a persoas co DCA residentes en zonas rurais de 14 concellos onde non existen recursos a súa disposición (Allariz, Aranga, Camariñas, Cambre, Cee, Fisterra, Muros, Noia, Pobra do Caramiñal, Pontedeume, San Sadurniño, Sanxenxo, Vilar de Barrio e Xinzo de Limia).
A atención terapéutica e as accións de asesoramento e apoio orientadas a garantir o exercicio dos seus dereitos traducíronse na mellora da calidade de vida física, emocional e material das 25 persoas atendidas, así como no benestar psicolóxico das súas familias, que gañaron en descanso e tempo libre grazas á maior autonomía das persoas ao seu coidado.
O proceso previo á intervención directa partiu dun traballo de diagnose, que implicou o mapeo dos recursos sociosanitarios existentes no territorio galego, o deseño e distribución dun tríptico informativo en diversos espazos (como servizos sociais municipais, centros de saúde, farmacias, puntos informativos das asociacións de DCA e colexios profesionais sociosanitarios) e o reparto en máis de 1900 farmacias de material para informar sobre o lanzamento do programa. Ademais, procurouse a cooperación en rede, coa realización de 57 reunións con axentes chave para a identificación e derivación de PCDA do medio rural e co establecemento dunha alianza co Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) O Viso para ampliar a cobertura á comarca da Limia.
Trala campaña informativa, que suscitou unha alta demanda de solicitudes de admisión no servizo (con 70 peticións, das que 30 non cumprían criterios de acceso e 18 están en lista de agarda actualmente), o equipo profesional de FEGADACE realizou as valoracións pertinentes, determinando os obxectivos de traballo terapéutico en domicilio en cada PIA (Programa Individualizado de Atención) para as persoas admitidas. A satisfacción destas co servizo prestado, que tamén implicou apoio ás familias, é do 100% segundo as enquisas de avaliaión realizadas.
Por outra banda, desenvolverónse accións destinadas a capacitar ás familias e persoas que exercen coidados mediante a oferta de formacións orientadas a mellorar a especialización na atención ao DCA, nas que tamén se involucraron colectivos profesionais sociosanitarios relacionados coa atención e apoio ao DCA. En concreto, desenvolvéronse dúas edicións do curso presencial de 'Atención no Fogar de Persoas con DCA, de 8h de duración e no que participaron 53 persoas vinculadas ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), e dúas edicións do curso online ‘Sexualidade e DCA’, de 50 horas de duración e no que se involucraron 72 persoas, fundamentalmente profesionais do eido sociosanitario mais tamén público doutros perfís. En ambos os dous casos, contouse coa colaboración da Escola Galega de Saúde para a Cidadanía.
Ocio inclusivo e participación social
O segundo gran obxectivo da iniciativa, favorecer a participación comunitaria das persoas con discapacidade para promover a súa vida independente, desenvolveuse a través de diferentes accións e mecanismos, nos que se involucraron 46 persoas.
Nese marco, unha das liñas de actuación orientouse á promoción do ocio inclusivo, tanto desde a sensibilización como mediante a organización de actividades que garantan o exercicio deste dereito ás persoas con DCA. Así, deseñouse e elabororouse dun vídeo e unha guía con recomendacións sobre ocio inclusivo, que se difundirán nunha campaña informativa no último trimestre do ano, e organizáronse adestramentos de natación en augas abertas para preparar a participación de persoas do colectivo nunha travesía a nado en 2024.
A outra área de traballo entrouse en impulsar en participación no contorno sociocomunitario das persoas con DCA a través do deseño de dúas accións. Por un lado, tivo lugar o I Encontro de Detección de Barreiras na comarca de Ferrolterra, un espazo deseñado para concienciar e reflexionar sobre a accesibilidade física, cognitiva e sensorial, e a súa implicación na vida diaria das persoas con DCA, a través de formacións e da realización dun percorrido de avaliación do contexto. Por outro lado, comezáronse a dar os primeiros pasos cara a constitución dunha Rede de Cidadanía Activa conformada por persoas con DCA. Para materializar este instrumento, deseñado co obxectivo de que as persoas do colectivo se autoorganicen e defendan os seus dereitos de forma activa, realizáronse até o de agora 5 reunións focais nas asociacións que conforman a Federación.
Continuidade do proxecto
O proceso desenvolto constata o gran valor e oportunidade que suporía para as persoas con DCA residentes en Galicia que os servizos sociosanitarios de proximidade fosen integrados no Proceso Asistencial Integrado de DCA que está previsto que as consellerías de Sanidade e Política Sociala aproben nos próximos meses. Namentres este compromiso non se materializa, o programa ten previsto unha continuidade por 17 meses grazas ao financiamento do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 no marco do proxecto Rumbo. Ademais, presentouse á Fundación La Caixa na Convocatoria de Proxectos Sociais de 2023 a fase de extensión que complemente o financiamento xa previsto e así permita ampliar en polo menos un 20% as persoas participantes para o exercicio 2024.