Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | | Fragmento do cartel 'Camiñando polo dano cerebral'

'Camiñando polo dano cerebral' con FEGADACE para a prevención na vía xacobea

Compoñen o proxecto un trail e andaina solidaria, unha etapa, un ciclo de charlas, un vídeo e un folleto.

21/06/2021 | Galicia

Un trail e andaina solidaria en Ourense, o percorrido da última etapa do Camiño de Santiago cun grupo de persoas con dano cerebral, un ciclo de charlas en concellos xacobeos e un vídeo e un folleto para informar aos peregrinos e peregrinas sobre como previr o dano cerebral adquirido son as iniciativas que compoñen 'Camiñando polo dano cerebral', o proxecto que hoxe presenta FEGADACE no marco do programa O Teu Xacobeo, financiado pola Xunta de Galicia e o Xacobeo 2021-2022.

A prevención do dano cerebral é unha preocupación transversal para FEGADACE. A nosa discapacidade non se pode evitar, pero si se pode previr incidindo nas súas causas. O risco de ictus e traumatismos por accidentes ou golpes pode minimizarse se se teñen en conta os consellos da Federación Galega de Dano Cerebral.

O Camiño de Santiago é o escenario de moitas situacións de risco, especialmente de traumatismos cranioencefálicos, pero tamén é unha oportunidade fantástica para incorporar hábitos saudables, sobre todo a nivel de actividade física, cos que reducir o risco de ictus. Por iso a primeira iniciativa que lanza FEGADACE dentro de 'Camiñando polo dano cerebral' é un vídeo dirixido a todas as visitantes que chegan a Compostela a pé ou en bicicleta:
 
Estes consellos poden consultarse máis pausadamente no folleto 'O importante é chegar ben', no que FEGADACE dá a benvida a peregrinos e peregrinas dándolles os parabéns por optar pola actividade física no seu tempo de lecer, e lembrándolles a que riscos se expoñen durante a ruta, para finalmente achegarlles as pautas a seguir se teñen o presencian unha emerxencia, ou se precisan unha axuda menos urxente.

A Federación vai distribuír estes materiais nun ciclo de charlas que se van impartir en colaboración cos concellos en distintos municipios que son vía de paso dos camiños a Santiago. Así poderá chegar ás persoas visitantes, pero tamén a toda aquela poboación local implicada, dun ou outro modo, na recepción e atención a peregrinos/as. As charlas vanse desenvolver entre os meses de xuño en setembro de 2021.

Trail e andaina solidaria (Ourense, 12 de setembro)

Cartel do trail e andaina solidariaDando continuidade á iniciativa de promoción da saúde, FEGADACE organiza en Ourense, o domingo 12 de setembro, o Trail e andaina solidaria 'Camiñando polo dano cerebral'.

A inscrición está aberta en carreirasgalegas.com, onde se pode consultar a ficha técnica, a ruta do trail, a ruta da andaina, descargar o regulamento e acceder ao protocolo COVID-19 xunto coa correspondente declaración responsable. A cota solidaria de inscrición é de 10 euros no trail e 5 euros na andaina. Tamén está dispoñible un Dorsal 0. O prazo para anotarse finaliza o 7 de setembro.

FEGADACE quixo favorecer a participación de todas as persoas interesadas cun trail de 14 quilómetros, e tamén cunha andaina máis curta, de 8,5, para que cada quen poida modular en función da súa capacidade física. Ademais, para aquelas persoas con mobilidade reducida que non poidan asumir calquera dos percorridos ao completo, está dispoñible o tramo final, de 400 metros e totalmente accesible, libre de inscrición.

Tanto a saída como a meta localízanse na Pista de Atletismo do Campus de Ourense, e o percorrido levará ás persoas participantes por sendeiros e camiños da cidade e do veciño concello de O Pereiro de Aguiar.

FEGADACE conta para esta actividade coa implicación e participación das súas cinco asociacións: ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer, cunha maior implicación por ser a entidade que comparte sede co trail e andaina, e Sarela. Ademais, colaboran en diferente medida coa organización do evento Gadis, Eroski, a Federación Galega de Atletismo, o Concello de Ourense, o Consello Municipal de Deportes de Ourense, Inorde Turismo de Ourense e RunManiak.

Última etapa do Camiño de Santiago

As persoas con dano cerebral van ser as protagonistas da última actividade do ciclo 'Camiñando polo dano cerebral'. Grupos procedentes das cinco asociacións de FEGADACE van facer xuntos un tramo da última etapa do Camiño, ata a Praza do Obradoiro, para logo gozaren dun xantar de convivencia no Parque de Galeras. A cita é o 17 de setembro, os detalles e colaboracións iranse anunciando ao longo do verán.

Arquivada en:
Proxectos > Proxectos > Prevención
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)