Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© EAPN Galicia | 31/03/2023 | Acto X Solidaria Compostela

Chámalle X, a campaña das entidades sociais para animar a marcar o recadro de fins sociais da declaración da renda 2023

As entidades sociais galegas en coordinación coas de todo o Estado lanzan a campaña "Chámalle X" para aumentar a recadación marcando o recadro 106 de actividades de interese social na declaración da renda. 

31/03/2023 | Santiago de Compostela

Hoxe 31 de marzo celebrouse o acto de lanzamento da Campaña de 2023 do X Solidario. Baixo o lema "Chámalle X" dende hoxe e durante todo o período habilitado para facer a declraación da renda, todas as entidades do terceiro sector a nivel estatal colaboraremos nesta campaña para animar ás persoas a marcar o X Solidario nas súas Declaracións. Un simple xesto, que non custa nada nin en tempo nin en diñeiro, e que marca a diferenza para milleiros de persoas galegas e millóns españolas que se encontran en situación de vulnerabilidade por diferentes causas. 
 
Unha importantísima parte do traballo que realizamos entidades como FEGADACE e como as cinco asociacións que a conforman, é posible grazas a quen fai este sinxelo xesto (marcar a casiña 106 ou X Solidario) cando fai a súa Declaración da Renda. 
 
O ano pasado, en Galicia recadáronse 21.391.293 €, grazas a que 750.867 persoas (o 54,5% do total de contribuíntes) marcaron o X Solidario na súa Declaración. Se todos os galegos e galegas marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 35.027.060 € (13.635.767€ máis).
 
Aínda así, 627.161 contribuíntes seguen sen marcar o X Solidario (512.123 non marcaron ningún recadro e 115.038 só marcaron o da Igrexa). En toda España a campaña da renda do ano pasado recadou 386.865.000 €.
 
Pero que é o X Solidario? 
É a maneira que as persoas contribuíntes temos de dicirlle á Administración a que queremos que se destine unha parte dos impostos que se recadan mediante o IRPF, en concreto o 0´7%. 
 
Marcando este recadro beneficiámonos todas e, sobre todo e directamente, persoas con discapacidade, persoas maiores, xuventude, infancia, persoas migrantes, mulleres víctimas de violencia machista, persoas con enfermidades raras, persoas sen fogar, ..., en definitiva todas as persoas en situación de vulnerabilidade. 
 
En 2022 foron máis de 140 organizacións do terceiro sector de toda Galicia as que executaron 607 proxectos que impactaron dun xeito directo na vida de un mínimo de 182.904 persoas. 
 
Lembra: Non custa nada e ten un grande impacto na vida das persoas. Marca o X Solidario! Aquí podes consultar toda a información da campaña

Arquivada en:
Transparencia > Alianzas e plataformas > X Solidaria
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)