Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Proxecto Rumbo | 12/12/2022 | Presentación do Proxecto Rumbo á Consellería de Política Social

Catro federacións de discapacidade presentan o Proxecto Rumbo a Política Social

Aspace Galicia, Autismo Galicia, Cogami e FEGADACE buscan un novo modelo de apoio á autonomía persoal.

13/12/2022 | Galicia

No día de onte, representantes de Cogami, Federación Aspace Galicia, Federación Autismo Galicia e FEGADACE reuníronse co Director Xeral de persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social da Xunta, Fernando González Abeijón, para presentar o Proxecto Rumbo e valorar vías de colaboración para o desenvolvemento do proxecto en Galicia.

O 'Proxecto Rumbo: cara un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva' é un proxecto que nace da agrupación de 5 grandes asociacións representativas do ámbito da discapacidade en España (Cocemfe, Confederación Aspace, Confederación Autismo España, FEDACE e PREDIF) que formulan implantar un novo modelo de apoio á autonomía persoal e ao coidado de persoas con discapacidade, especialmente aquelas con maiores necesidades de apoio, mediante a combinación de servizos e recursos, impulsando a vida independente e facilitando formas de vida inclusivas en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar.

Esta iniciativa xorde grazas a unha convocatoria do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, a través dos Fondos Next Generation da UE.

O obxectivo do Proxecto Rumbo é xerar solucións innovadoras facilitando proxectos de vida independente e participación plena na vida comunitaria a través de solucións tecnolóxicas que permitan a adecuación da vivenda e a súa contorna ás súas necesidades, así como doutros apoios necesarios.

O proxecto Rumbo abordará diferentes accións para a consecución do obxectivo establecido:
 
  • Estudo e detección de necesidades e expectativas dos diferentes colectivos.
  • Revisión e potenciación do servizo de asistencia persoal.
  • Deseño e implantación de experiencias piloto, na vivenda propia ou en servizos residenciais, para favorecer a autonomía, toma de decisións e vida independente das persoas con discapacidade, especialmente aquelas con grandes necesidades de apoio.
  • Incorporación de novas tecnoloxías para favorecer a vida independente das persoas con discapacidade.
  • Prestación de servizos terapéuticos sociosanitarios de proximidade .
  • Implantación de accións de empoderamento e participación cidadá de persoas con discapacidade.
 
Na reunión de hoxe dos representantes das catro entidades participantes co Director Xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Fernando González Abeijón, presentouse o proxecto e abordáronse vías de colaboración e seguimento para a implantación do Proxecto Rumbo en Galicia.

Arquivada en:
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)