Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Causas

O Dano Cerebral Adquirido pode estar causado por unha doenza ou por un traumatismo cranioencefálico. O ictus é a principal causa do DCA, os accidentes de tráfico son a segunda, e os tumores cerebrais son a terceira.

Ictus

Prodúcese cando se interrompe ou reduce drasticamente a subministración de sangue a unha parte do cerebro, privando aos tecidos do cerebro de osíxeno e alimento. Máis información aquí.

Traumatismos cranioencefálicos

Os traumatismos cranioencefálicos (TCE) están caracterizados pola absorción brusca de gran cantidade de enerxía cinética. A lesións máis habituais son as contusións por golpe e contragolpe, as contusións polo rozamento coas estruturas óseas da base do cráneo e a lesión axonal difusa (dano sobre unha área ampla do cerebro, nos traumas graves).

Este conxunto de lesións adoita verse acompañado nas fases iniciais pola formación de importante edema cerebral e a consecuente perda de conciencia ou 'coma'. A profundidade da perda de conciencia e a duración da mesma son dúas dos marcadores principais para establecer a severidade do dano cerebral.

A principal causa de TCE que acaban desembocando nun dano cerebral son os accidentes de tráfico. Tamén son causas comúns os accidentes laborais, as caídas (especialmente nas persoas maiores), os golpes no deporte ou as pelexas.

Tumor cerebral

É un grupo de células anormais que crece e se multiplica no cerebro ou ao redor del. Os tumores poden destruír directamente as células sas do cerebro. Tamén poden danalas indirectamente por invadir outras partes do cerebro e causar inflamación, edema cerebral e presión dentro do cranio.

Anoxia

Falta case total de osíxeno nun tecido. É un estado no que a cantidade de osíxeno das células do organismo non é satisfeita.

Doenza metabólica

As doenzas metabólicas do sistema nervioso central, moitas veces transitorias, prodúcense na súa maior parte por unha elevación súbita da tensión arterial.

Infección cerebral

Causadas por bacterias, virus, fungos e, ás veces, protozoos ou parásitos, poden causar unha inflamación do encéfalo (encefalite) ou a inflamación das capas de tecidos que cobren o encéfalo e a médula (meninxite).

Causas do dano cerebral adquirido