Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Pixabay | | Vacinación contra o coronavirus

O CERMI Galicia demanda que se inclúa á discapacidade na estratexia de vacinación

Denuncia tamén desordes e retrasos no actual plan galego de inmunización fronte á COVID19.

05/03/2021 | Galicia

O CERMI (Comité Estatal de Representantes de Persoas con Discapacidade) Galicia demanda que se inclúa ás persoas usuarias da súa rede de centros de atención, todas elas en situación de especial vulnerabilidade, no Plan Galego de Vacinación fronte ao SARS-Cov-2, ao tempo que demanda á Xunta de Galicia que se cumpra coa orde establecida de grupos de priorización no actual programa de inmunización.
 
O CERMI Galicia aglutina ás doce principais federacións de discapacidade no ámbito autonómico: ASPACE Galicia, AUTISMO Galicia, CEGASAL, COGAMI, DOWN Galicia, FADEMGA Plena Inclusión Galicia, Saúde Mental FEAFES Galicia, Federación ALZHEIMER Galicia, Federación de Asociacións de Persoas XORDAS, Federación Galega de DANO CEREBRAL, PREDIF Galicia e ONCE. Representan a máis de 200.000 persoas con discapacidade, e á súa vez reúnen a ducias de asociacións de base que xestionan todo tipo de centros de atención diúrna, residencial e ocupacional, e outros recursos de atención, formación, rehabilitación, orientación, etc., dirixidos ás persoas e familias con discapacidade.
 
Desde o CERMI Galicia quérese chamar a atención da desigualdade creada no actual programa, que inclúe ás persoas con discapacidade institucionalizadas en residencias (grupo de priorización 1), así como a aquelas dependentes grao III (grupo de priorización 4), deixando de lado ao resto de situacións de discapacidade e dependencia, que de maneira sistemática presentan pluripatoloxías e outras situacións que colocan a súa saúde en situación de especial vulnerabilidade.
 
A situación de desigualdade acrecéntase coa inclusión no programa de vacinación dos equipos profesionais de atención. O grupo de priorización 3 inclúe no apartado 3B a “outro persoal de ámbito sanitario”, de maneira que se cobre ás profesionais, pero non ás persoas usuarias dos centros, relegándoas a unha situación de vulnerabilidade altamente preocupante, con diversas repercusións non só a nivel de risco de contaxio por coronavirus. As entidades membro do CERMI Galicia teñen detectado un abandono da asistencia aos centros por medo a contaxios que tamén ten repercusións, moitas veces irreversibles, na rehabilitación (deterioro e perda de capacidades) e na inclusión social.
 
Desde o CERMI Galicia reclámase que se reestruture o programa de vacinación, tendo en conta os exemplos doutras comunidades autónomas nas que se vacinou ao mesmo tempo aos equipos profesionais e persoas usuarias dos centros de atención á discapacidade, blindando, polo tanto, ao mesmo tempo, aos dous colectivos, e convertendo ás asociacións e centros en espazos seguros fronte á COVID19.
 
Incumprimentos do plan vixente
 
Ademais, as entidades do CERMI Galicia denuncian incumprimentos e retrasos no programa de vacinación vixente. As doce entidades teñen detectados casos de vacinación non administrada, en todas as áreas sanitarias, tanto en persoas usuarias e profesionais de recursos residenciais, persoal sanitario, dependentes de grao III e maiores de 80 anos (neste último caso, unha situación comprensible debido ao abastecemento de vacinas aconselladas para grupos de idade inferior).
 
O CERMI considera moi preocupante o avance por grupos de priorización cando non se completou a inmunización dos que o propio programa considera de maior urxencia. Tamén a desigualdade e deficiencias detectadas no sistema de planificación e de convocatoria para recibir a vacina.
 
Situación xa denunciada
 
Varias das plataformas membro do CERMI Galicia teñen manifestado xa publicamente a necesidade de vacinar aos colectivos que representan, así como de cumprir co plan establecido; é o caso de ASPACE Galicia, COGAMI, Down Galicia, FADEMGA Plena Inclusión, Saúde Mental FEAFES Galicia e Federación Galega de Dano Cerebral.
 
Ademais o CERMI Galicia puxo esta situación en coñecemento do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que respondeu por carta que o plan galego segue a Estratexia Nacional de Vacinación, que fixa como criterios de priorización a idade e a discapacidade. Sen embargo, a discapacidade só se tivo en conta a nivel residencial e do grao máximo, deixando a todo o colectivo de persoas con graos I e II, ou sen recoñecemento de discapacidade, en situación de exclusión.
 
Para o CERMI Galicia esta situación é inaceptable, máxime visto o anuncio por parte da Xunta de Galicia de que se iniciará o proceso de inmunización da poboación de entre 50 e 55 anos.

Arquivada en:
Recursos de Atención > Información para a atención > COVID-19