Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© CERMI Galicia | | Xornada de discapacidade do Grupo Parlamentario Popular

CERMI pide crear unha comisión permanente de discapacidade no Parlamento de Galicia

Durante a xornada de sensibilización organizada o pasado venres polo grupo do PP.

20/03/2019 | Santiago de Compostela

O Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (CERMI Galicia) formulou ao Grupo Parlamentario Popular a necesidade de crear unha comisión permanente sobre discapacidade na Cámara autonómica.

Así o trasladou o presidente do CERMI Galicia, Iker Sertucha, durante a súa intervención nunha xornada sobre sensibilización en materia de discapacidade celebrada no Parlamento co PP. O presidente do CERMI Galicia pediu tamén a creación dun espazo sociosanitario común, a actualización do censo de persoas con discapacidade e o desenvolvemento do "concerto social", entre outras cuestións.

O encontro contou coa participación da conselleira de Política Social, Fabiola Martínez; o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, e a deputada responsable de temas sociais do PP, Marta Rodríguez. Ademais, estiveron presentes representantes das 10 organizacións pertencentes ao CERMI Galicia, que puideron trasladar as principais peticións de cada entidade. FEGADACE estivo representada pola súa vicepresidenta, Luisa Ramírez, e pola súa directora, Begoña Hermida.

Demandas para o dano cerebral adquirido

A Federación baseouse no modelo de atención ao dano cerebral do Imserso, e nas investigacións propias desenvolvidas ata o momento, para realizar unha serie de demandas en continuidade e coordinación asistencial (subliñando a necesidade de desenvolver o espazo sociosanitario), que o sistema se centre na calidade de vida e promoción da autonomía persoal, que teña en conta á persoa pero tamén á familia (e persoas coidadoras), que o sistema público se dote de equipos de rehabilitación interdisciplinar e individualizada e que se garanta o acceso de toda a cidadanía.

Luisa Ramírez detallou tamén as principais reivindicacións do movemento asociativo: unha Estratexia Galega de Atención ao DCA, un censo de persoas con esta discapacidade, o impulso da investigación, a dotación dunha atención universal e inclusiva e a fin dos copagamentos.

Complementariamente, mencionou algunhas demandas para o ámbito educativo, laboral, e para o ámbito da accesibilidade universal.

Arquivada en:
Transparencia > Alianzas e plataformas > CERMI Galicia