Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Fundación CERMI Mulleres | | Manifesto da Fundación CERMI Mulleres polo 8 de marzo de 2021

CERMI Mulleres esixe, polo 8M, acabar coa sociedade 'machista' e 'capacitista'

'Nós tamén somos mulleres' é o título do manifesto feminista das mulleres con discapacidade.

05/03/2021

A Fundación CERMI Mulleres (FCM) esixe acabar coa actual sociedade "machista" e "capacitista" e reclama que toda política pública centrada na igualdade das mulleres por razón de xénero tome en conta outras variables como a discapacidade. Esta é a principal reivindicación de CERMI Mulleres no seu manifesto feminista elaborado para este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, que a entidade publicou baixo o lema 'Nós tamén somos mulleres'.

Igualmente, a entidade esixe que se garanta a equidade no acceso aos servizos de saúde, incluídos os servizos de saúde sexual e reprodutiva, ás mulleres e nenas con discapacidade, e que se poñan en marcha todas as medidas contidas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Tamén reclama que todas as políticas enfocadas nos dereitos das persoas con discapacidade inclúan, de maneira transversal, o enfoque das mulleres.
 
Así mesmo, avoga por deseñar e aplicar políticas públicas de emprego que teñan presente a igualdade das mulleres por razón de xénero e discapacidade e que se poñan en marcha políticas de promoción da autonomía persoal e de atención ás persoas en situación de dependencia que teñan en conta a realidade das mulleres con discapacidade, non soamente como receptoras de coidado, senón tamén como provedoras do mesmo, feito este que adoita ignorarse de maneira sistemática.
 
Da mesma maneira, esixe que o Goberno de España recoñeza publicamente as violacións de dereitos humanos que sufriron no noso país miles de nenas e mulleres con discapacidade esterilizadas sen o seu consentimento no pasado e no presente e que aprobe medidas para resarcir o dano ocasionado por estas prácticas contrarias aos dereitos humanos.
 
Ademais, a Fundación CERMI Mulleres insta a que se impulsen alianzas entre as mulleres para detectar e frear calquera forma de opresión que afecte as mulleres con discapacidade para que “ningunha quede atrás”.
 
Desta maneira, a Fundación CERMI Mulleres mobilizarase de forma virtual o 8 de marzo, para denunciar as discriminacións múltiples e interseccionais que seguen "soportando" cada día as mulleres con discapacidade e para esixir ao conxunto da sociedade e aos poderes públicos a adopción dunha axenda inclusiva que tome en consideración a diversidade das mulleres, "sen excepcións".
 
A entidade asegura que as mulleres e nenas con discapacidade son máis de dous millóns e medio en España e seiscentos millóns en todo o mundo e que estiveron décadas ocultas trala expresión "persoas con discapacidade", o que, ao seu xuízo, "invisibilizou a súa loita".
 
CERMI Mulleres manifesta que os referentes que sustentan as súas demandas son a Declaración e a Plataforma de Acción de Beijing, onde se recoñecen as aspiracións das mulleres de todo o mundo e onde se toma nota da diversidade das mulleres e nenas con discapacidade e das súas diferentes funcións e circunstancias, respectando e valorando a plena diversidade das situacións e condicións nas que se atopan.
 
Neste sentido, solicitan participación plena e igualdade na sociedade debido a que en moitas ocasións enfróntanse a barreiras específicas que o obstaculizan. Así mesmo, fai referencia aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, e máis concretamente ao ODS 5, enfocado en lograr a igualdade de xénero e o empoderamento de todas as mulleres e nenas de maneira específica e de forma transversal noutros obxectivos, que, a xuízo da fundación, debe interpretarse tomando en conta a situación dos grupos sometidos a discriminación múltiple, moitas veces ocultos ata o de agora, como o das mulleres e nenas con discapacidade.
 
Información extraída da páxina web do CERMI Estatal.

Arquivada en:
Demandas do Colectivo > Documentos políticos