Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Axenda

© FEGADACE | 18/01/2023 | Charla en Padrón

Charla sobre servizos sociosanitarios de proximidade para o dano cerebral en Padrón

A actividade vai ter lugar o 31 de xaneiro ás 10:00 na Farmacia Baltar (cómpre levar máscara e reservar praza).

31/01/2023 - 31/01/2023 | Padrón

A información sobre o dano cerebral adquirido chega a Padrón pola man da colaboración entre a Farmacia Baltar e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información e sensibilización, cos obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.

A actividade informativa está dirixida a todo tipo de público e nela vanse presentar os servizos sociosanitarios de proximidade para a atención ao colectivo do dano cerebral adquirido que a Federación está a poñer en marcha no marco do proxecto Rumbo. Esta presentación vaise complementar con nocións sobre identificación, prevención e abordaxe do dano cerebral adquirido.

Esta charla vai ter lugar o martes 31 de xaneiro ás 10:00 hh. na Farmacia Baltar (Praza de Ángel Baltar, s/n) de Padrón. É obrigatorio usar máscara. O aforo é limitando, polo que é mellor reservar praza chamando ao 981 810 203 ou enviando un WhatsApp ao 618 173 806.

A organización da actividade conta coa colaboración da farmacia que acolle a charla e co financiamento do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez aos fondos NextGenerationEU da Unión Europea.

Sobre o proxecto Rumbo

O ‘Proxecto Rumbo: cara un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva’ é unha iniciativa colaborativa desenvolvida entre distintas confederacións do Terceiro Sector da discapacidade (COCEMFE, ASPACE, PREDIF, FEDACE e AUTISMO ESPAÑA). O obxectivo é impulsar o deseño de modelos innovadores de apoio á autonomía persoal e a vida independente das persoas con discapacidade, especialmente aquelas con maiores necesidades de apoios, mediante a combinación de servizos e recursos que poidan facilitar unha forma de vida inclusiva na sociedade en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar.

Este proxecto, que conta coa participación de 22 entidades destas confederacións repartidas en cinco comunidades autónomas, está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez aos fondos NextGenerationEU da Unión Europea.
 
Lugar de celebración:

Farmacia Baltar
Praza de Ángel Baltar, s/n
Padrón

Arquivada en:
Que facemos > Vida independente
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)