Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© DGT | 10/05/2021 | Sinalización do límite de velocidade a 30 km/h

Circulando a 30 quilómetros por hora sálvanse vidas

O 11 de maio entra en vigor a nova normativa de tráfico pola que se reducen os límites de velocidade.

10/05/2021

España vai ser o primeiro país do mundo en implantar o 30 km/h como límite xenérico de velocidade para as vías urbanas cun só carril por sentido (o 80% das rúas). Este é o principal cambio da reforma que será efectiva a partir do 11 de maio e quere garantir unha convivencia segura entre os vehículos de motor e os usuarios vulnerables (peóns, bicicletas, motocicletas e ciclomotores).

Aínda que a súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) foi o pasado 11 de novembro de 2020, deuse o prazo de seis meses para que a cidadanía coñeza a nova normativa e as Administracións poidan adaptar a sinalización.

Novos límites

A partir de maio, os novos límites en todas as cidades de España serán:
 
  • 20 km/h, para as vías nas que están unificadas calzada e beirarrúa (plataforma única).
  • 30 km/h, para a vías dun só carril por sentido.
  • 50 km/h, para as vías de dúas ou máis carrís por sentido.
Con todo, a norma tamén admite excepcións se o titular da vía (concellos, etc.) o aproba.

Os novos límites de velocidade para as cidades pretenden, fundamentalmente, acougar o tráfico, aínda que tamén levarán a unha redución do ruído e da contaminación, a lograr unhas urbes máis habitables e a fomentar outras formas de mobilidade (a pé, en bicicleta, con vehículos de mobilidade persoal (VPM), etc.).

Demanda municipal

Este cambio normativo responde a unha demanda dos municipios españois. De feito, moitos deles xa decidiron ser “cidades 30”, como é o caso de Madrid, Cuenca, Málaga, Barcelona ou Pontevedra, entre outras. Agora aplicarase a todas as cidades de España.

Organismos internacionais como a Organización Mundial da Saúde (OMS), o Foro Internacional do Transporte (ITF, siglas en inglés) ou o Consello de Seguridade do Transporte Europeo (ETSC) tamén apostaron polo 30 km/h pola relación directa que existe entre velocidade e sinistralidade viaria.

Por exemplo, a distancia de freado a 30 km/h é de 13 metros; a 50 km/h duplícase (26 metros). Isto tradúcese tamén nun aumento da probabilidade de morrer en caso de atropelo: se a 30 km/h é dun 15%; a 50 km/h chega ata o 85%.

A velocidade 30 nas vías urbanas cun só carril por sentido garante poder reaccionar se aparece un peón, unha bicicleta ou se alguén abre a porta dun coche de forma imprevista.

A favor

Como recibe a cidadanía os novos límites de velocidade nas cidades? Parece que de forma favorable, tal e como recolle o Estudo de Mobilidade Segura e Sostible do Centro de Estudos PONLE FRENO-AX, realizado entre setembro e outubro de 2020, e que incluíu unha pregunta específica sobre o límite a 30 km/h para as vías urbanas cun único carril por sentido.

Segundo o devandito informe, o 62% mostrouse a favor do novo limite máximo de velocidade para as cidades. Conta con máis apoio entre os mozos (18-34 anos) e as mulleres, que superaron o 65%. Pola contra, case o 40% dos automobilistas rexeitou a medida.

Os vulnerables seguen subindo

En 2019, o 82% das 519 persoas que faleceron nun accidente viario nunha vía urbana eran usuarios vulnerables (427): peóns (247, 48%) bicicletas (32, 6%), ciclomotores (22, 4%) e motocicletas (126, 24%).

En 2019, a sinistralidade nas vías interurbanas reduciuse o 6%, a mesma proporción na que se incrementou nas vías urbanas.

Este mesmo grupo de vulnerables rexistrou un aumento no número de vítimas con respecto ao ano anterior: pasouse dos 397 falecidos de 2018 aos 427 de 2019.

Pontevedra, 10 anos sen mortos por tráfico

A transformación urbana e de mobilidade da capital das Rías Baixas comezou a finais do século  XX. Para reducir a sinistralidade viaria na cidade, adoptáronse diversas medidas, todas elas encamiñadas a recuperar o espazo publico e a mellorar a convivencia entre os diferentes usuarios da vía. Segundo os responsables municipais, a máis decisiva foi converterse en “cidade 30”, unha limitación de velocidade para os vehículos que se decidiu en 2012. Grazas a estes cambios, en febreiro de 2011, contabilizouse a última vítima mortal nun accidente de tráfico, un home de 81 anos que morreu atropelado.
 
Información extraída da páxina web da DGT.
Como se aplica o 30 km/h nas cidades.
Razóns para o 30.

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Educación para a saúde > Prevención do dano cerebral adquirido