Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | | Curso 'Atención no fogar de persoas con dano cerebral adquirido'

Colaboramos coa Escola Galega de Saúde na formación dos Servizos de Axuda no Fogar

Ciclo de obradoiros para persoal non especializado en dano cerebral na Guarda, Sober, A Laracha e Silleda

10/05/2022 | Galicia

FEGADACE volve colaborar coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns (dependente da Axencia de Coñecemento en Saúde, ACIS, da Consellería de Sanidade) coa organización do obradoiro formativo 'Atención no fogar de persoas con dano cerebral adquirido'.

Dirixido especialmente ao persoal dos Servizos de Axuda no Fogar municipais, o obradoiro vaise desenvolver na Guarda (10 e 11 de maio), Sober (14 e 21 de maio), A Laracha (3 e 6 de xuño) e Silleda (21 e 22 de xuño). O obxectivo da formación é capacitar ás persoas responsables da atención no fogar de persoas con dano cerebral para que coñezan as especificidades desta discapacidade, así como familiarizarse coas súas principais secuelas e os produtos e recursos de apoio máis importantes.

O programa inclúe os seguintes temas:
 
TEMA 0. Benvida ao obradoiro.
TEMA 1. Detección do dano cerebral.
TEMA 2. Pautas para avaliar a evolución da persoa con dano cerebral.
TEMA 3. Comunicación coa persoa con dano cerebral e habilidades comunicativas.
TEMA 4. Alteracións cognitivas e condutuais.
TEMA 5. Transferencias e cambios posturais.
TEMA 6. Alimentación, deglutición e medicación.
TEMA 7. Tratamento da intimidade e da privacidade.
TEMA 8. Hixiene, curas e prevención de úlceras.
TEMA 9. Acompañamento no tempo libre e actividades de lecer.
 
A formación divídese en dúas xornadas e desenvólvese cunha metodoloxía teórico-práctica na que as persoas asistentes recibirán a formulación dun caso ficticio para reflexionar sobre como abordar o seu coidado e atención. Ademais da traballadora social e da técnica de formación de FEGADACE, que se encargan dos apartados máis teóricos, o obradoiro está impartido tamén por un/ha terapeuta ocupacional (dependendo da localización do obradoiro, da asociación de dano cerebral que corresponda), que apoiará nos temas máis relacionados coas secuelas físicas, detallando como deben ser as mobilizacións ou como implantar mellor os produtos de apoio que poidan ser necesarios.

Escola Dano Cerebral

Este obradoiro presencial é unha continuación da formación online lanzada o ano pasado a través da Escola Dano Cerebral de FEGADACE, unha ferramenta e e-learning na que xa se desenvolveron dúas edicións da formación 'Atención no fogar de persoas con dano cerebral adquirido' (novembro-decembro 2021 e febreiro-marzo 2022), e que prevé lanzar un novo curso en 2022.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Formación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)