Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 03/09/2019 | O psicólogo clínico Miguel Anxo García Álvarez

'Como protexer o que é valioso en situación de conflito ético?'

Conferencia do psicólogo clínico Miguel Anxo García Álvarez na Xornada sobre o DCA do 28 de setembro.

03/09/2019 | Santiago de Compostela

O psicólogo clínico Miguel Anxo García Álvarez repite este ano na Xornada sobre o DCA para abordar un dos temas da súa especialidade: "Como protexer o que é valioso en situación de conflito ético?". Ademais do seu exercicio profesional diario no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), García ten un mestrado en Bioética e Dereito pola Universidade de Barcelona e foi presidente do Comité de Ética Asistencial do CHUS entre 2008 e 2015.

A súa intervención vai ser a primeira da mañá. Comeza ás 9:30, trala inauguración institucional. Ademais de repetir na Xornada sobre o Dano Cerebral Adquirido, Miguel Anxo García é un vello coécido do movemento asociativo desta discapacidade. Forma parte do Comité Técnico Asesor da Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE) e, en Galicia, ocupou o cargo de secretario da Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela do 2001 ao 2005.

Ademais da formación relacionada con bioética, é diplomado en Alta Dirección Hospitalaria (ESADE-FEGAS) e titor Docente da Especialidade de Psicoloxía Clínica. Foi codirector do Mestrado de Neuropsicoloxía Clínica (Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da Universidade de Santiago de Compostela); membro da Comisión Nacional de Psicoloxía Clínica a proposta da Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde (2006-2014); e portavoz do Movemento Galego da Saúde Mental (2014-2019). É colexiado de honra do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Foi membro da Comisión Asesora en materia de Saúde Mental do Conselleiro de Sanidade da Xunta. Forma parte do Comité Técnico da Estratexia en Enfermidades Neurodexenerativas do Sistema Nacional de Saúde, do Grupo de Traballo da Consellería de Sanidade elaborador do Proceso Asistencial Integrado da Esclerose Lateral Amiotrófica.

Autor de diversas publicacións sobre: ética asistencial, atención psicoterapéutica a persoas con dano cerebral, sexualidade, planificación asistencial sanitaria.

A Xornada sobre o Dano Cerebral Adquirido dedícase á reflexión sobre ‘Información e toma de decisións: unha mirada desde a ética’. Terá lugar o 28 de setembro desde as 9:00 na Facultade de Filosofía da USC, en Santiago de Compostela. A inscrición está aberta ata completar aforo e é gratuíta. Pode formalizarse nesta ligazón.

#XornadaDCA

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Divulgación de coñecemento
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)