Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE. | 30/11/2023 | Actividade de FEGADACE no Culturgal.

O Culturgal acolle a presentación da nova campaña sobre ocio inclusivo e accesible

Diríxese a profesionais de empresas do sector ou con competencias en equipamentos culturais.

30/11/2023 | Pontevedra

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) presenta este sábado 2 de decembro, ás 16.00h, na Feira das Culturgas Galegas Culturgal  unha campaña de sensibilización sobre ocio accesible e inclusivo para persoas con dano cerebral adquirido.
 
Enmarcada no ‘Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva, a iniciativa procura concienciar a administracións públicas, profesionais da xestión cultural e operadores de ocio sobre as barreiras físicas, comunicativas, cognitivas, sensoriais e socioeconómicas que enfrontan as persoas con DCA cando queren acceder ou participar nunha actividade lúdica ou cultural. O obxectivo é promover o deseño de actividades de ocio e programación cultural dirixidas a todas as persoas con medidas favorecedoras da inclusión de quen ten discapacidade.
 
Con este fin, persoal ténico e usuarias das asociacións da Federación achegarán a realidade do colectivo e compartirán recomendacións para eliminar os principais obstáculos que impiden ou condicionan a participación igualitaria no acceso e goce das programacións culturais, os produtos de entretemento e/ou as actividades de ocio. 
 
O lanzamento da campaña realizarase no marco das xornadas formativas organizadas en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e a actividade de presentación diríxese especialmente a axentes púbilcos e privados con competencias nos equipamentos culturais e deseño, coordinación e execución de actividades de ocio. 
 
O acceso ao encontro é aberto pero prégase confirmar asistencia no correo info@xestoresculturais.gal
 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)