Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Sarela | 05/12/2018 | Unha voluntaria dá unha charla sobre o Día das Letras Galegas en Sarela

Día do Voluntariado: un agradecemento ao apoio ás persoas con dano cerebral

Máis de 70 persoas donan solidariamento o seu tempo ás asociacións membro de FEGADACE.

05/12/2018 | Galicia

Como cada 5 de decembro, hoxe conmemórase o Día Internacional das Persoas Voluntarias. A efeméride foi decretada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1985. A Federación e as asociacións galegas de dano cerebral queremos aproveitar a xornada para expresar o noso máis fondo agradecemento a todas as persoas que fan voluntariado e, especialmente, a aquelas que canalizan a súa actividade altruísta a través do acompañamento ás persoas con DCA.

O voluntariado xoga un papel fundamental nas asociacións de dano cerebral, que suman un total de 73 persoas voluntarias en diferentes programas ao longo do ano. O seu labor repártese en tarefas como a participación en actividades de lecer ou os servizos de información sobre o dano cerebral.

Colaboración en diferentes servizos

Os programas de lecer, tempo libre e inclusión social son os grandes protagonistas da actividade solidaria das persoas voluntarias. Estas realizan acompañamento nas actividades que as asociacións organizan para as persoas con DCA dentro da contorna comunitaria, fomentando a integración nese contexto e o goce do tempo libre.

As persoas que donan o seu tempo tamén colaboran habitualmente cos servizos de información, participando en mesas informativas en centros sanitarios ou calquera outro tipo de campañas nas que se trata de sensibilizar á poboación sobre o DCA.

Ademais, os servizos de atención diúrna benefícianse do apoio voluntario de maneira regular: realizan acompañamento nas actividades, colaborando nas de comunicación, con charlas, ou a través de obradoiros de pintura, costura, cociña...

Rede de apoio mutuo entre persoas maiores e con DCA

Ademais de recibir voluntariado a través das asociacións, as persoas con dano cerebral tamén colaboran de maneira altruísta coa sociedade. Ao longo de 2017 e 2018 FEGADACE desenvolveu, co apoio da Obra Social La Caixa, o proxecto 'Rede de apoio mutuo de persoas maiores e con DCA'.

Dentro desta iniciativa, as persoas usuarias das cinco asociacións tiveron a oportunidade de facer voluntariado acompañando a persoas maiores en residencias ou organizando actividades deportivas como boccia ou cachibol. Na outra cara do programa, canalizouse un espazo para que persoas maiores de 65 anos puideran colaborar coas asociacións de DCA.

Dona o teu tempo ás asociacións de dano cerebral!

ADACECO na Coruña, ADACE Lugo, Alento en Vigo e Pontevedra, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago de Compostela continúan buscando persoas que se acheguen a colaborar coas persoas con dano cerebral adquirido. No apartado 'Fai voluntariado' da nosa web podes atopar información sobre os programas de acollida de persoas voluntarias das cinco asociacións.

Arquivada en: