Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | | O dano cerebral, unha discapacidade invisible

EDAD 2020: 33.400 persoas teñen dano cerebral por ictus e traumatismos en Galicia

Resultados da Enquisa de Discapacidade, Autonomía personal e Situacións de Dependencia do INE.

09/05/2022

Máis de 33.400 persoas con dano cerebral adquirido: 26.500 por causa de ictus, e 6.900 por traumatismos cranioencefálicos. Estes son os resultados da Enquisa de Discapacidade, Autonomía personal e Situacións de Dependencia (EDAD) de 2020, publicada polo INE en abril, que actualiza os datos de referencia dos que dispoñiamos ata o momento para coñecer a prevalencia do dano cerebral.

Porén, o anterior dato (Enquisa EDAD 2008), que refería a existencia de 35.756 persoas con dano cerebral en Galicia, non é comparable, xa que as cifras que polo momento están dispoñibles na enquisa EDAD 2020 recollen só dúas das causas da nosa discapacidade (ictus e traumatismos). A pesar diso, son datos moi útiles pola súa actualidade e porque se trata das dúas causas maioritarias de dano cerebral adquirido.

Segundo o INE, en Galicia hai 17.200 mulleres con dano cerebral, o que supón o 51,5% dos casos; os homes con dano cerebral son 16.100. Os casos de dano cerebral por ictus en mulleres son 14.500, fronte os 2.700 por traumatismos. No que respecta aos homes, 12.000 teñen discapacidade por causa dun ictus, e 4.100 por un traumatismo cranioencefálico.

Datos a nivel estatal

A suma de persoas con dano cerebral por ictus e por traumatismos acada en España as 435.400 persoas: 361.500 por ictus e 73.900 por traumatismos cranioencefálicos. No conxunto do Estado hai máis homes que mulleres con dano cerebral: 222.400 fronte a 213.000.

Dos 222.400 homes con dano cerebral, 176.600 téñeno por ictus e 45.800 por traumatismo cranioencefálico. Das 213.000 mulleres con esta discapacidade, 184.900 tiveron ictus, e 28.100 sufriron traumatismos.

O INE achega tamén datos por idade a nivel estatal, que indican o incremento da incidencia do dano cerebral a medida que pasan os anos. Así, en España hai 132.800 persoas con dano cerebral adquirido entre os 6 e os 64 anos (o 30,5%), das que o 30,3% ten dano cerebral por causa de traumatismos.

Por riba dos 65 anos, son 302.600 as persoas que teñen dano cerebral. 134.400 delas teñen entre 65 e 79, e 168.200 están nos 80 ou máis anos. Na franxa de idade dos 65 anos en diante, a porcentaxe de casos de dano cerebral motivados por traumatismos descende ata o 11,1%, o que indica que a medida que se incrementa a idade, o ictus consolídase como causa maioritaria.

Información parcial

Estes datos responden a unha primeira aproximación á enquisa EDAD 2020, polo que cómpre tratalos con prudencia. Sabemos, en calquera caso, que son parciais, pois, aínda que recollen as dúas principais causas de dano cerebral adquirido -ictus e traumatismos-, non reflicten os casos motivados por anoxias, tumores cerebrais, doenzas infecciosas...

A realidade da parcialidade dos datos remítenos, en todo caso, ás reivindicacións do movemento asociativo do dano cerebral: a necesidade dun censo de persoas con dano cerebral, que nos permita coñecer o seu perfil e necesidades para poder articular correctamente unha rede de recursos que responda ás súas necesidades de atención e rehabilitación (delas e das súas familias); e dun código epidemiolóxico á alta hospitalaria que facilite a asignación de recursos ás persoas que saen do hospital e incian o seu percorrido vital co dano cerebral.
 

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Que é o dano cerebral adquirido