Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Albert galiza | | Fachada do Parlamento de Galicia

En Marea demandará no Parlamento 'políticas serias' para o dano cerebral

O grupo rexistrou unha pregunta sobre as necesidades das persoas con DCA que se debaterá en pleno.

10/01/2019 | Santiago de Compostela

O grupo parlamentario de En Marea rexistrou unha pregunta dirixida ao goberno co obxectivo de demandarlle a posta en marcha de "políticas serias" para atender as necesidades das persoas con danoc erebral adquirido.

A deputada Paula Vázquez Verao, responsable da iniciativa, baseouse nos datos de FEGADACE sobre incidencia e prevalencia, así como nas demandas da Federación, para xustificar a necesidade de atención que teñen as aproximadamente 35.000 persoas con dano cerebral adquirido que hai en Galicia.

Na información difundida polo grupo parlamentario denúncianse as carencias en rehabilitación neurolóxica, o feito de non existir un centro de rehabilitación específica de longa estancia, e que desde os hospitais públicos galegos se envíe ás persoas dadas de alta aos centros privados Guttman e (Barcelona) e QuirónSalud (Pontevedra).

A nota de En Marea lembra tamén que o 29 de novembro de 2017 aprobouse por unanimidade no Parlamento de Galicia un dos puntos dunha Proposición non de lei do grupo, coa seguinte resolución: "O Parlamento de Galicia insta á Xunta a estudar nos primeiros meses do ano 2018 a creación en Galicia dun centro público de referencia para a rehabilitación de persoas con dano cerebral adquirido". A Xunta de Galicia respondeu o 2 de maio de 2018 a unha pregunta de En Marea que ese estudo aínda non estaba feito e que se realizaría ao longo do ano pasado. O grupo pensa volver preguntar nun dos primeiros plenos de 2019 sobre esta cuestión.

Pincha aquí para acceder á nota completa de En Marea.

Arquivada en:
Demandas do Colectivo > Necesidades do colectivo
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)