Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

As entidades de persoas con discapacidade presentan o acto 'Baixo o mesmo paraugas'

O martes haberá unha concentración noObradoiro polo Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

29/11/2019 | Santiago

O vindeiro martes 3 de decembro conmemórase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade e un ano máis ponse en marcha a iniciativa 'Baixo o mesmo paraugas. Galicia pola diversidade', que reunirá en seis cidades de Galicia ás 78 entidades sociais que integran  ata o momento esta campaña. Esta mañá presentouse o acto que terá lugar en Santiago de Compostela coa intervención da Concelleira de Políticas Sociais, Milagros Castro; o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto; e do presidente de FEGADACE, Luciano Fernández.

O acto da vindeira semana consiste nunha concentración na que se dá lectura a un manifesto para reivindicar os dereitos das persoas con discapacidade e de frases ou lemas nas que as persoas das diferentes entidades participantes mostran as súas peticións, os seus desexos... Ademais, cos obxectivos de dar unha maior visibilidade aos colectivo e de amosar unha sociedade plural e diversa, as persoas que asistan portarán paraugas de cores. Esta iniciativa, que se celebra por primeira vez nas catro provincias galegas, será ás 12h e de xeito simultáneo nas cidades da Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense. A Federación Galega de Dano Cerebral participará no acto que terá lugar o vindeiro martes na Praza do Obradoiro.

No caso da capital de Galicia son sete as entidades que impulsan o acto do vindeiro 3 de decembro: Acem (Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple); Aspanaes (Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista); Aspamite (Asociación de Pais de Persoas con Diversidade Funcional de Teo); Down Compostela; FEGADACE; Fegadem (Federación Galega de Esclerose Múltiple); e Sarela. As asociacións convocantes representan en conxunto a unha base social de máis de 40.000 persoas e o obxectivo é que a cidadanía se sume a esta celebración nas seis cidades co seu paraugas de cores.
 

Actos convocados
 

A continuación  enumeramos as cidades e os lugares onde se van a realizar as concentracións o vindeiro 3 de decembro ás 12h.

  • Santiago de Compostela - Praza do Obradoiro
  • A Coruña - Praza de María Pital
  • Lugo - Praza Maior
  • Ourense - Praza Maior
  • Pontevedra - Praza da Ferrería
  • Vigo - Praza da Estrela

Arquivada en:
Transparencia > Alianzas e plataformas