Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Pixabay | | Exterior dunha farmacia

Exención do copago farmacéutico ás menores de 18 anos con discapacidade

A medida, aprobada nos Orzamentos Xerais do Estado para 2021, afecta a case 8.000 persoas en Galicia.

07/01/2021

O Comité Estatal de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) considera como medida con grande impacto social a exención de calquera achega do usuario -copago- na prestación farmacéutica para menores de 18 anos cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 por 100.

Así o establece a Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2021, publicada o 31 de decembro de 2020 no Boletín Oficial do Estado, e cuxas disposicións entraron en vigor o día 1 de xaneiro.

A Lei de Orzamentos de 2021 modifica do texto refundido da Lei de garantías e uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios, aprobado por Real Decreto lexislativo 1/2015, de 24 de xullo, dispoñendo que "estarán exentos de achega os usuarios e os seus beneficiarios que pertenzan a unha das seguintes categorías", sinalando entre estas ás "persoas menores de idade cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33%".

Segundo a Base Estatal de Datos de Persoas con Valoración do Grao de Discapacidade, con datos de 2018, esta medida vai afectar a un total de 154.549 persoas, das que 7.816 residen en Galicia (2.810 na Coruña, 595 en Lugo, 766 en Ourense e 3.645 en Pontevedra).

Para o movemento social da discapacidade, esta exención de copago nunha prestación fundamental como a farmacéutica supoñerá un alivio económico para miles de familias que teñen no seu seo a unha persoa menor de 18 anos con discapacidade e que se enfrontan a un sobrecusto que pode chegar ao 40% respecto das familias nas que non hai situacións de discapacidade.

Ademais, os menores con discapacidade, precisamente pola súa circunstancia, poden ser consumidores máis intensos de medicamentos, o cal supón máis gasto nesta prestación, polo que exonerarlos de copago alixeirará o esforzo familiar, mellorando o acceso a produtos esenciais para o tratamento e curación de enfermidades e patoloxías, relacionadas ou non coa súa discapacidade.

O sector social da discapacidade sempre reivindicou a exención do copago farmacéutico para todas as persoas con discapacidade, demanda na que se insire esta medida do Goberno.

Para o CERMI, trátase dunha boa decisión, que favorece á infancia con discapacidade, e agradece ao Ministerio de Sanidade que promovera e que sexa finalmente unha realidade.

Información do CERMI Galicia e do CERMI Estatal.

Arquivada en:
Transparencia > Alianzas e plataformas > CERMI Galicia