Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Pixabay | | Unha persoa con discapacidade no seu posto de traballo

'Extrema preocupación' do CERMI polo emprego de persoas con discapacidade

O comité sinala que coa chegada da pandemia derrubouse a contratación, reducíndose un 30% en 2020.

17/12/2020

O Comité Estatal de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) e os CERMIS Autonómicos manifestaron a súa "extrema preocupación" pola "pésima" evolución do emprego de persoas con discapacidade e pediu que sexa unha das prioridades na axenda política estatal, rexional e local.

Así o puxo de manifesto durante a Conferencia CERMI Territorios celebrada o martes 15 de forma telemática, na que se repasaron diferentes cuestións como a situación da discapacidade nos diferentes puntos da xeografía española.

Deste xeito, durante a reunión, a plataforma da discapacidade puxo de relevo a situación do emprego das persoas con discapacidade e incidiu na caída que sufriu. "Viñamos dunha tendencia positiva e á alza, aínda que moi tímida, nos últimos anos" pero coa chegada da pandemia "vimos como se derrubou a contratación, reducíndose un 30% en 2020".

Neste sentido, recalcouse o labor que o CERMI fixo durante estes anos para contribuír ao aumento da taxa de actividade, á redución do desemprego das persoas con discapacidade e a apostar por mecanismos para que haxa unha maior presenza destas persoas na actividade produtiva.

Do mesmo xeito, o movemento CERMI incidiu en que o papel do estado en políticas de emprego vai ser "mínimo" posto que, segundo asegura, "o goberno actual defende un modelo autonómico" e por iso asegurou que "é fundamental o papel dos CERMIs autonómicos no ámbito territorial".

Ademais, púxose sobre a mesa a necesidade de establecer unha estratexia común sobre emprego a nivel estatal e autonómico posto que é "fundamental" abordar a inclusión laboral de persoas con discapacidade desde a cohesión territorial.

Por outra banda, formulou a súa preocupación pola estratexia de activación para o emprego que se está poñendo en marcha desde o goberno posto que segundo asegura o movemento CERMI "existe un grupo de traballo de discapacidade no que esta plataforma non está presente".

De igual modo, os diferentes CERMIS Autonómicos repasaron a situación do emprego das persoas con discapacidade en cada comunidade ou cidade autónoma poñendo de relevo as diferentes políticas que se foron adoptando en materia de inclusión laboral, así como o labor que teñen estas plataformas como interlocutores sociais.

Información extraída do CERMI Estatal.

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Fases do dano cerebral > Crónica: vivir con dano cerebral adquirido