Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE. | 14/11/2023 | Sesión de traballo con Recursos Galicia durante a elaboración do Plan.

FEGADACE actualiza o Plan de Igualdade e o Protocolo de Prevención ante o Acoso

Vixentes até 2027, os documentos foron elaborados por Recursos Galicia a través dun proceso participativo.

14/11/2023 | Santiago de Compostela

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) conta cun novo Plan de Igualdade e un Protocolo de Prevención do Acoso para os vindeiros catro ano como resultado dun proceso participativo iniciado no mes de marzo baixo a coordinación de Recursos Galicia Consultoría & Formación no que se involucrou o equipo técnico, persoal externo experto na materia e a Comisión Negociadora de Igualdade, composta pola representación da entidade e a representación legal do cadro de persoal da Federación.
 
Os documentos, entendidos como unha oportunidade para repensar os modelos de intervención e ensaiar novas estratexias para asentar unha integración real e efectiva da perspectiva de xénero, actualizan e renovan o compromiso da entidade coa igualdade e a non discriminación de forma coherente tanto coa súa propia misión como coa lexislación relativa á materia.
 
Así, ademais de incorporar instrumentos de mellora respecto ao anterior Plan para garantir que o principio de igualdade de trato, oportunidades e a non discriminación por razón de sexo sexa un eixo rexedor de todas as actuacións de FEGADACE, o novo documento pretende profundar as medidas xa existentes a través da aplicación transversal da perspectiva de xénero en todas as áreas, políticas e decisións da entidade. 

Fases de traballo

O proceso, articulado mediante reunións de traballo orientadas a xerar procesos de análise, discusión e consenso grupal ao redor da estrutura e os contidos do Plan de Igualdade, partiu dunha fase de diagnose. Ao longo de varios meses, a empresa consultora realizou un estudo cuantitativo e cualitativo da estrutura organizativa de FEGADACE co obxectivo de avaliar a situación sobre a igualdade entre mulleres e homes, identificar aqueles elementos que poderían xerar discriminacións na entidade e coñecer os recursos dos que esta dispón para poder facer cambios.
 
Con este fin, analizáronse as medidas levadas a cabo ata o momento na Federación, que conta con Plan de Igualdade desde o ano 2018, e realizáronse entrevistas, enquisas e talleres participativos co persoal. Ademais, elaborouse o informe de auditoría retributiva co fin de avaliar se o sistema de remuneracións da Federación cumpre coa aplicación efectiva do principio de igualdade entre mulleres e homes en materia retributica, o que implicou a definición da valoración de postos de traballo (VPT), unha ferramenta que identificar posibles diferenzas retributivas e corrixir, no seu caso, aquelas que resultasen discriminatorias.
 
A partir de toda esta información, Recursos Galicia elaborou un informe de diagnose, a partir do que, na segunda fase de traballo, definiu o Plan de Igualdade e o protocolo de prevención do acoso. Ambos documentos compartíronse co quipo técnico da Federación no mes de setembro e, posteriormente, aprobáronse pola Comisión Negociadora o 24 de outubro de 2023.

Medidas do Plan de Igualdade

O II Plan de Igualdade 2023-2027 de FEGADACE consta de 23 medidas, agrupadas en nove áreas de actuación prioritarias, orientadas a solventar as eidas detectadas e a mellorar as medidas xa existentes:
 
  1. Procesos de selección e contratación. Neste campo, no que a entidade xa aplica procedementos para un acceso ao emprego en igualdade de condicións, o obxectivo fundamental é formar especificamente en selección de persoal con perspectiva de xénero a quen participa nestes procesos, así como poñer en valor a aposta pola igualdade e as diversidades na entidade e aplicar e avaliar o protocolo existente a través da elaboración periódica de informes.
  2. Formación. A prioridade é formar ao cadro de persoal e á xunta directiva en igualdade, tanto de maneira xenérica como en materias específicas relacionadas cos diferentes postos e funcións. Ademais, buscarase a formalización dos procesos de xestión da formación interna para garantir a transparencia e a igualdade no acceso á mesma.
  3. Promoción profesional. Para favorecer o desenvolvemento e progreso profesional do persoal da entidade, o Plan propón establecer un procedemento no que se definan os requisitos técnicos e/ou funcionais para a promoción profesional dos diferentes postos, de forma que, ademais, se evite calquera tipo de discriminación que puidese xurdir en futuribles procesos de promoción interna.
  4. Condicións de traballo. No relativo as condicións laborais, o documento fixa como obxectivos incrementar o teletraballo naqueles postos nos que sexa posible, mellorar as garantías do dereito ao descanso do persoal a través da elaboración dun protocolo de desconexión dixital e realizar estudos de tempo e organización de xornada para mellorar a eficiencia.
  5. Conciliación e corresponsabilidade. Nesta área, promoverase o exercicio dos dereitos de conciliación entre o persoal de FEGADACE a través dos medios de información e difusión das medidas existentes en materia de dereitos de conciliación da vida persoal, familiar e persoal e formarase ás persoas traballadoras e á xunta directiva en dereitos laborais e conciliación.
  6. Clasificación profesional, retribucións e auditoría retributiva. Fíxase como propósito manter os obxectivos de estabilización de persoal e buscar opcións de mellora no incremento de xornadas e a contratación indefinida para favorecer a estabilidade e a calidade do emprego. 
  7. Prevención do acoso sexual e por razóns de sexo e/ou identidade de xénero. Para previr e eliminar calquera tipo de acoso no ámbito laboral, formarase ao persoal en materia de acoso para facer unha mellor detección e xestión de casos. Ademais, para fomentar espazos inclusivos, promover a igualdade e non discriminación como valor da entidade, difundirase o compromiso coa igualdade e coas diversidades afectivo sexuais e de todo tipo facendo fincapé nas persoas LGTB e cun ambiente laboral libre de acoso.
  8. Saúde laboral. Traballarase para impulsar a prevención de riscos laborais con perspectiva de xénero, de forma que se incorporarem medidas específicas relacionadas con  riscos específicos das mulleres.
  9. Violencia de xénero. O Plan establece o impulso de accións de sensibilización na detección e prevención das violencias machistas a través da difusión de materiais informativos accesibles a todo o persoal e xunta directiva, así como a promoción dunha atención axeitada a vítimas das violencias machistas, poñendo a disposición materiais sobre actuación no entorno laboral con vítimas de violencias machistas e co compromiso da entidade a acompañalas no proceso de solicitude de apoio económico e o exercicio dos dereitos coas administracións competentes.
O seguimento e avaliación das medidas previstas no Plan realizarase de forma periódica por parte da Comisión de Seguimento (conformada polas mesmas persoas que integraban a Comisión Negociadora), estando prevista unha avaliación no período medio de vixencia do plan (outubro 2025) e unha valoración final de resultados, proceso e impacto (outubro de 2027). 

Protocolo de prevención do acoso

Como parte do firme compromiso de FEGADACE para previr e erradicar calquera clase de comportamento que poida atentar contra o principio de igualdade e/ou contra a integridade física e/ou moral das persoas traballadoras, xunto ao plan tamén se aprobou un novo Protocolo para a prevención e tratamentos dos delitos e condutas contra a liberdade sexual e a integridade moral no traballo.
 
O documento, que tamén estará vixente até 2027, establece un marco de actuación en situacións de acoso co obxectivo de erradicar estes comportamentos no ámbito laboral. Por unha banda, fixa medidas de divulgación e prevención, que implican formar, informar, sensibilizar e concienciar ao cadro de persoal sobre as distintas formas e tipoloxías de violencia, acoso e discriminación que poden darse no eido profesional, así como informar sobre o procedemento a seguir en caso de ser vítima de condutas da mencionada natureza ou ter coñecemento de que se están a producir.
 
Por outro lado, define e establece un procedemento interno para abordar de forma integral casos en que se produzan as mencionadas condutas. Esta metodoloxía inclúe pautas destinadas a velar pola aplicación de medidas de protección e apoio á vítima que eviten a revitimización; asegurar a seguridade, integridade, confidencialidade e dignidade de todas as persoas afectadas, así como a protección a represalias; garantir a aplicación de medidas sancionadoras efectivas e proporcionadas contra a persoa responsable, se así quedase acreditado; e levar a cabo un seguimento e avaliación periódica da aplicación do protocolo, introducindo as actualizacións, revisións ou melloras que resulten necesarias.
 
O protocolo aplícase ante calquera conduta de acoso ou violencia que se produza no ámbito laboral (incluído o medio dixital); a todas as persoas que leven a cabo actividades ou presten servizos na Federación, aínda que estean baixo a dependencia doutra entidade; e tamén cando as condutas sexan perpetradas por terceiros ou por persoal doutras empresas e organizacións de colaboración concorrente.
 
Por este motivo, FEGADACE informará da súa existencia a todo o equipo técnico, aos órganos de goberno federativos e ás organizacións que teñen vinculación coa entidade.

Arquivada en:
Transparencia > Documentos corporativos
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)